A Xunta felicita ao centro integrado de FP Fraga do Eume pola XXV edición do concurso de cociña e coctelería e destaca a súa proxección internacional
A directora xeral de Formación Profesional e a delegada da Xunta en Ferrol participan na entrega de premios deste certame no que se citan centros de tres países
Os premiados son Mateo Míguez e Nicolás Barreira do Instituto Sanxillao de Lugo e Gabriel Mugride do Instituto Ramón Caamaño de Muxía
Pontedeume (A Coruña), 5 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia felicitou hoxe a implicación de toda a comunidade educativa do Centro Integrado de FP Fraga do Eume na organización da XXV edición do Concurso de Cociña e Coctelería e destacou a proxección internacional que foi acadando este campionato ao longo da súa traxectoria. Así o puxeron de manifesto a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que participaron na entrega de premios, na que tomaron parte 17 centros educativos procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León, Portugal e, por primeira vez, tamén de Francia.
As representantes autonómicas agradeceron ao profesorado e ao alumnado a súa implicación na organización deste evento, que conta cunha consolidada traxectoria marcada pola excelencia e pola innovación nas ensinanzas de hostalaría e turismo. Neste sentido, salientaron que iniciativas como esta contribúen a reforzar a calidade e a visibilidade da Formación Profesional, ao tempo que favorecen a conexión directa co tecido produtivo e empresarial da contorna.
De feito, no tribunal do concurso participan profesionais do sector, entre eles representantes da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol. “Este tipo de eventos converten o Centro Integrado de FP nun auténtico escaparate do talento e da profesionalidade do alumnado, ao tempo que proxectan internacionalmente o traballo que se desenvolve na Formación Profesional”, afirmaron.
Os gañadores desta edición foron Mateo Míguez Somoza e Nicolás Barreira Mosqueira do Instituto Sanxillao (Lugo) na categoría de Cociña e Gabriel Mugride do Instituto Ramón Caamaño (Muxía) na categoría de Coctelería creativa. Os tres alumnos recibirán un premio económico de ata 1.000 euros destinado á adquisición de material profesional relacionado coa gastronomía, co obxectivo de seguir mellorando a súa formación.