O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou a instalación ‘La Quema’, que pode verse ata o 24 de maio

A Xunta apoia unha retrospectiva de Elena del Rivero no Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid que homenaxea a cultura e oficios tradicionais galegos

A mostra ten como eixe central o resultado dunha residencia da artista valenciana, afincada en Nova York, nunha aldea do concello ourensán de Bande

No centro museístico exhíbese un carro de vacas, restaurado polo Goberno galego, e un tear tradicional da Baixa Limia

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o seu uso como “artefactos de resistencia” para “reivindicar a persistencia do legado cultural”

Madrid, 6 de marzo de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a homenaxe á cultura e oficios tradicionais galegos da retrospectiva de Elena del RIvero, La Quema, no Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid. Fíxoo durante a visita á instalación, que pode verse ata o 24 de maio e que conta co apoio da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que La quema, comisariada polo galego Mateo Feijoo, ten como eixe central a acción performativa realizada pola artista valenciana, residente en Nova York, durante a residencia que realizou na aldea de San Pedro Fiz de Vilar, no concello ourensán de Bande “baseada na memoria, o traballo artesanal e a relación coa contorna”, precisou.

Anxo M. Lorenzo lembrou que esta residencia, prolongada no tempo de dous anos, deu como resultado unha serie de accións artísticas que se foron presentado no Espacio Punto, en Valencia, e no Museo Tapies, en Barcelona. No entanto, fixo fincapé no feito de  que, entre as pezas da instalación no Museo Nacional de Antropoloxía, se teña decido a inclusión dun carro de vacas, restaurado polo Goberno galego, e un tear tradicional da Baixa Limia.

Ao respecto, o director xeral de Cultura puxo en valor o papel que xogan ambos dous elementos de oficios tradicionais galegos como “pontes que constrúe a artista entre a memoria tanxible que representan e a fugacidade da accións artísticas como as que a valenciana leva a cabo”. Precisamente, no caso do carro de vacas e o tear considerou que serven de “claro exemplo do seu emprego como artefactos de resistencia para reivindicar a persistencia do legado e patrimonio cultural galego”, concluíu.

Data de actualización: 06/03/2026