Martina Aneiros preside un encontro informativo sobre o novo convenio para a xestión da biomasa en faixas secundarias

O encontro serviu para informar aos concellos do ámbito territorial sobre o funcionamento e novidades deste sistema de prevención contra incendios forestais

Ferrol, 6 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presidiu esta mañá, xunto á directora territorial de Medio Rural, Nieves Mancebo e o Xefe de servizo de Prevención de Incendios Forestais da Coruña, Guillermo Acebal, unha sesión informativa sobre o convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a empresa pública Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias e ao que se están sumando progresivamente os concellos galegos.

Á cita, na que tamén participou Óscar Pombo, técnico provincial de Seaga, acudiron representantes dos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Durante o encontro, afondouse no funcionamento da rede de faixas de xestión de biomasa, centrándose nas faixas secundarias,  franxas de protección estratéxicas de 50 metros ao redor de núcleos de poboación, infraestruturas e zonas edificadas.

Novidades do convenio

Entre as novidades con respecto aos anteriores convenios, destaca o incremento do orzamento ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade.

Co fin de prestar un mellor servizo, optouse por reforzar o apoio aos municipios, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e aos particulares. Neste sentido, promoveranse de forma máis áxil as execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio forestal nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.

Ademais, tamén a través de Seaga, os municipios adheridos poderán dispoñer de axuda para revisar, modificar ou apoiar na elaboración do plan municipal de prevención e para realizar inspeccións e notificar aos titulares dos predios.

Aneiros recordou que case a totalidade dos concellos do ámbito territorial están xa adheridos ao convenio, e animou aos restantes a sumarse facendo referencia á “importancia da prevención contra os lumes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2026