Rueda destaca que a Xunta reforza o seguimento das 600 empresas galegas que exportan a Oriente Medio e convoca a mesa de apoio loxístico

O Goberno autonómico mantén contacto permanente cos principais clústeres e asociacións empresariais afectados para coñecer a situación de primeira man e anticiparse ás posibles repercusións no comercio exterior galego

A antena do Igape en Dubái vai trasladando información sobre a evolución na rexión

A conselleira de Economía indica que un dos obxectivos da Mesa “é compartir datos, analizar as consecuencias económicas do conflito e a posible implantación de medidas de apoio”

Galicia exportou en 2025 arredor de 394,6 M€ aos países de Oriente Medio

Estados Unidos representa o 1,8 % das exportacións galegas, polo que o seu peso no conxunto do comercio exterior é relevante para determinados sectores, aínda que limitado grazas á diversificación xeográfica das vendas exteriores

Rueda destaca que Galicia conta “cun tecido exportador sólido, diversificado e experimentado”

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Consello acordou “reforzar o seguimento das 600 empresas galegas que exportan a Oriente Medio e convocar a Mesa de apoio loxístico” para avaliar os posibles efectos da situación internacional nas relacións comerciais con estes países. Do mesmo xeito, a Xunta analiza tamén como inflúe o actual contexto xeopolítico no comercio con Estados Unidos. “O noso obxectivo é protexer do xeito máis eficaz ás nosas empresas fronte as repercusións económicas”, indicou.

Neste novo escenario, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, explicou que o Goberno galego mantén contacto permanente cos principais clústeres e asociacións empresariais co fin de facer un seguimento directo da evolución dos mercados e coñecer de primeira man o posible impacto destes acontecementos no tecido produtivo. Este traballo permitirá analizar, entre outros factores, as repercusións sobre sectores e aspectos clave, como os custos loxísticos e enerxéticos ou a estabilidade das cadeas de subministración, así como dispoñer de información actualizada para anticipar respostas ante eventuais cambios no comercio global.

Ademais, asegurou que o Igape mantén un contacto constante coa súa antena en Emiratos Árabes, que segue plenamente operativa e facilita información sobre a evolución da situación na rexión.

Por outra banda, e para reforzar o seguimento coas preto de 600 empresas afectadas pola situación internacional, a Consellería de Economía e Industria convocou, para mañá, 10 de marzo, a Mesa de Apoio Loxístico á Empresa para compartir información e escoitar as necesidades, entre outros aspectos. O dito encontro celebrarase na sede do Igape e contará coa participación do Clúster da Función Loxística de Galicia e doutras asociacións e clústeres industriais afectados. “É unha medida que se inclúe no borrador do Plan director da loxística e que anticipamos polas circunstancias do mercado. Busca compartir datos, analizar posibles cambios nas rutas comerciais e medidas de apoio ás empresas se fose necesario”, indicou a conselleira.

Tal e como explicou Rueda, as relacións comerciais entre Galicia e os países de Oriente Medio experimentaron un crecemento notable nas últimas décadas, chegando “a triplicarse desde o ano 2000”. Na actualidade, das 600 empresas galegas que exportan a estes mercados, 200 o fan de maneira regular.

Así, no ano 2025, Galicia exportou a esta rexión uns 394,6 millóns de euros e importou aproximadamente 213 millóns, polo que o volume total de negocio superou os 600 millóns de euros anuais. Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudita, Qatar, Kuwait, Omán ou Bahréin están entre os principais destinos para as nosas empresas, así como outros países da contorna ampliada como Iraq, Irán e Xordania.

Téxtil, automoción e agroalimentario, os principais sectores afectados

As exportacións galegas a Oriente Medio concéntranse principalmente en bens de consumo non alimentarios —especialmente no sector téxtil—, así como na automoción e no sector agroalimentario. Xunto a estes, tamén teñen presenza relevante o metalmecánico, a madeira e derivados ou o químico. En conxunto, “téxtil, automoción e agroalimentario representan o 90 % das exportacións galegas a esta rexión”, indicou Lorenzana.

Ao contexto xeopolítico de Oriente Medio súmanse tamén as incertezas derivadas da evolución das relacións comerciais con Estados Unidos. Neste caso, trátase dun mercado relevante para determinadas empresas galegas, aínda que cun peso limitado no conxunto do comercio exterior da comunidade.

As exportacións galegas a Estados Unidos representan arredor do 1,8 % do total. En 2025 rexistrouse unha redución próxima ao 32 %, vinculada principalmente ao endurecemento de determinados aranceis e á evolución do tipo de cambio. Ese ano máis de 1.000 empresas galegas exportaron a este país, das cales unhas 350 o fixeron de maneira regular.

Tecido exportador sólido e diversificado

A pesar das incertezas do contexto internacional, Rueda lembrou que Galicia conta “cun tecido exportador cada vez máis sólido, diversificado e experimentado”, como mostra o feito de que nos dous últimos anos acadáronse as mellores cifras exportadoras da historia da Comunidade: máis de 31.000 millóns de euros no 2024 e preto desa mesma cifra no 2025.

Neste marco, cómpre salientar que arredor do 70 % das exportacións galegas diríxense a países da Unión Europea, o que contribúe a achegar estabilidade ao comercio exterior da comunidade. Entre os principais destinos destacan Francia, Portugal, Italia, Polonia ou Alemaña, mentres que fóra da Unión Europea tamén medran mercados como Turquía, Chile ou Alxeria. A estrutura exportadora galega é ademais equilibrada, con sectores como automoción e compoñentes, téxtil e moda, alimentación e bebidas, metalmecánico ou industria da madeira.

Polo tanto, a internacionalización segue sendo un dos principais motores do crecemento económico de Galicia. Por iso, o obxectivo é seguir acompañando ás empresas galegas no seu proceso de apertura a novos mercados, reforzando a súa capacidade de adaptación ante os retos e oportunidades que poidan xurdir no actual contexto internacional.

Neste ámbito, as liñas de apoio Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e o programa Foexga, activados polo Igape neste ano 2026 e actualmente con prazos abertos para a presentación de solicitudes, permitirán seguir impulsando a presenza internacional do tecido empresarial galego e favorecer a diversificación dos seus mercados exteriores.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2026