Galicia rexistra unha tendencia sostida á baixa no consumo de alcohol e drogas nos alumnos de ensinanzas secundarias
O presidente subliña que os resultados da enquisa Estudes 2025 confirman que a comunidade presenta un perfil de consumo máis favorable que a media estatal
Salienta que o consumo intensivo ocasional de alcohol cae á metade nos últimos dous anos ata situarse no 6%
A presenza do tabaco segue a diminuír de forma consistente, cun consumo diario xa minoritario, do 5,6 %
As bebidas enerxéticas presentan unha prevalencia do 31,3 %, especialmente entre os rapaces, case sete puntos por debaixo da media estatal
Destaca que o 15,5 % do alumnado galego de 14 a 18 anos presenta un uso compulsivo da internet, cifra inferior á media estatal, que se sitúa no 19,4 %
Resalta que acaba de entrar en vigor a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, que sitúa Galicia como a primeira comunidade en prohibir a venda de bebidas enerxéticas e dos vapeadores a menores
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os datos da Enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (Estudes 2025) amosan que Galicia se sitúa nunha posición favorable no conxunto do Estado, cunha tendencia sostida á baixa no consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, hipnosedantes e bebidas enerxéticas, en comparación co último estudo realizado hai dous anos (Estudes 2023).
O Consello da Xunta abordou hoxe os resultados deste estudo epidemiolóxico de ámbito estatal, realizado con periodicidade bienal desde 1994, cuxo obxectivo é coñecer a situación e as tendencias do consumo de drogas e doutras adiccións entre o alumnado de ensinanzas secundarias de 14 a 18 anos.
Os resultados do Estudes confirman que Galicia presenta un perfil de consumo máis favorable que a media estatal, consolidando un modelo de prevención sólido, sostido no tempo e baseado en datos, que protexe a saúde da mocidade galega. Nesta liña, o presidente lembrou que a pasada fin de semana entrou en vigor a Lei de protección da saúde de persoas menores e prevención de condutas aditivas, que sitúa Galicia como “a primeira comunidade autónoma en prohibir as bebidas enerxéticas aos menores de idade e os vapeadores”.
No caso de Galicia, o informe baséase na mostra estatal asignada á comunidade, reforzada cunha ampliación da mostra específica promovida pola Xunta de Galicia, o que permite dispoñer de resultados autonómicos con suficiente precisión estatística.
Os datos obtidos constitúen unha ferramenta clave para o deseño, seguimento e avaliación das políticas públicas de prevención das adiccións.
En paralelo á baixada do consumo de drogas, descríbese un cambio no modelo de lecer da mocidade galega cara a máis práctica deportiva e actividades saudables, o que se interpreta como un factor de protección que reforza o impacto das accións preventivas nos centros educativos da nosa comunidade. En concreto, o 74 % dos estudantes en Galicia referiron na enquisa practicar algún deporte semanalmente.
Consumos
Rueda salientou que un dos principais resultados da enquisa é que “o consumo intensivo ocasional de alcohol entre os adolescentes galegos descendeu sensiblemente” do 12,3% no 2023 ao 5,8% en 2025.
O alcohol segue a ser a substancia máis consumida entre o alumnado galego de 14 a 18 anos, cunha prevalencia de consumo algunha vez na vida do 72,9 %. Ao respecto, Galicia consolida unha clara mellora, cun descenso de máis de 2,5 puntos porcentuais respecto a 2023 (75,4 %).
Ademais, Galicia sitúase por debaixo da media estatal no consumo de alcohol entre o alumnado de 14 a 18 anos, tanto no consumo algunha vez na vida (72,9 % Galicia e 73,9 % España) como no consumo recente, consolidando unha posición máis favorable que o conxunto de España.
O consumo nos últimos 30 días sitúase en Galicia no 51,3 % (51,8 % en España), cunha evolución descendente sostida (58,8 % Estudes 2023), que confirma que cada vez menos adolescentes galegos consomen alcohol de forma habitual. Galicia presenta rexistros inferiores aos estatais, confirmando unha evolución máis positiva e unha menor consolidación do consumo habitual na adolescencia galega.
As condutas de maior risco tamén amosan unha evolución favorable. As intoxicacións etílicas nos últimos 30 días descenden e afectan o 17,9 % do alumnado (23,3 % no anterior Estudes).
Pola súa banda, o consumo de tabaco segue a diminuír de forma consistente, con prevalencias por debaixo do 30 % (29,2 %) algunha vez na vida, e cun consumo diario xa minoritario (5,6 %).
O cánnabis mantén unha tendencia á baixa, cun consumo algunha vez na vida situado arredor do 20 % (20,2 %), e cun descenso claro no consumo recente (baixa do 18,6 % ao 12,2 %), presentando prevalencias similares ou inferiores á media estatal e afastando a Galicia dos escenarios de maior risco observados noutras comunidades.
No consumo de hipnosedantes en 2025, Galicia mantense igualmente en niveis lixeiramente inferiores ao conxunto de España, cun menor peso do consumo sen prescrición médica (3,5 % en Galicia nos últimos 30 días fronte ao 3,9 % en España).
As bebidas enerxéticas presentan unha prevalencia do 31,3 %, especialmente entre os rapaces, valores bastante inferiores á media estatal (38,4 %), cun patrón máis contido nas idades máis temperás, o que permite á Xunta identificar con claridade ámbitos prioritarios de intervención preventiva, actuando con anticipación e enfoque selectivo.
Comportamentos dixitais
No ámbito dos comportamentos dixitais, “o 15,5 % do alumnado galego de 14 a 18 anos presenta un uso problemático de internet, dous puntos menos que no 2023” e cifra inferior á media estatal, que se sitúa no 19,4 % (20,5 % en 2023).
A frecuencia problemática de uso de redes sociais nos últimos 30 días sitúase en Galicia no 20 % e en España no 21,1 %.
No caso dos videoxogos, en Galicia o 83,7 % (84,1 % en 2023) do alumnado recoñece ter xogado a videoxogos no último ano, proporción por baixo da rexistrada en España (84,4 %)
O xogo problemático con diñeiro entre menores continúa a ser residual en Galicia: apenas arredor do 5 % do alumnado no último ano (4,4 %) (4,7 % en 2023), fronte a porcentaxes máis elevadas no conxunto do Estado (4,9 %) (4 % en 2023).
En conxunto, os datos do Estudes 2025 confirman que Galicia presenta un perfil de comportamentos de risco máis contido e mellor evolucionado que a media estatal, avalando un modelo preventivo integral, baseado na educación, a contorna familiar, a escola e a comunidade, e orientado á protección da saúde e do benestar da mocidade galega.
O marco utilizado para seleccionar a mostra foi a poboación de estudantes matriculada en centros educativos con 3º e 4º de ensino secundario obrigatorio (ESO), 1º e 2º de bacharelato, 1º e 2º de ciclos de formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio de formación profesional. O período de recollida de datos foi do 10 de febreiro ao 12 de maio de 2025.
Medidas da Xunta
A Xunta foi a primeira administración autonómica en elaborar unha norma que abrangue todos os riscos de comportamento adictivo para os menores de idade, incluídos os produtos emerxentes.
Ademais, a Consellería de Sanidade vén traballando en distintos proxectos co obxectivo de diminuír as prevalencia de condutas adictivas (con ou sen substancia) en Galicia. Unha clara mostra disto son as subvencións para o período 2025-2028, destinadas á realización de programas de prevención de condutas adictivas nos ámbitos educativo, familiar e xuvenil por parte de asociacións sen ánimo de lucro e concellos.
A Plataforma Sanidade Mediaverso de contidos para promover a saúde e a web Xanela aberta, dirixida a familias, son outras das ferramentas implementadas pola Consellería de Sanidade.
Tamén son destacados os programas Apuntámonos a non beber e Clases sen Fume, integrados no Plan Proxecta de innovación educativa e realizados nos centros educativos.
Ademais, púxose en marcha un novo programa Adestrar sen pantallas, gañar en saúde, co que se pretende concienciar a adolescencia e as súas familias sobre un uso axeitado de pantallas (móbiles, tabletas, PC etc.) a través do persoal adestrador previamente formado na materia.
En canto ao tabaco, un dos eixes do Plan inspira saúde da Xunta aposta por acadar unha xuventude sen fume. Tamén está previsto o envío de escritos aos concellos indicándolles a oportunidade de colocar carteis que informen da prohibición de vender e/ou consumir bebidas alcohólicas en instalacións da súa titularidade en que se celebren competicións deportivas.