A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia

A Xunta alerta de que o anteproxecto de Regulamento de Costas plasma a vontade do Goberno central de limitar a duración das concesións e expulsar toda actividade do litoral

Ángeles Vázquez destaca que é un novo intento, tralos de 2018 e 2024, de eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa cunha norma que o propio Executivo central propuxo a Bruxelas e vai máis aló do que lle pedía a Comisión Europea

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico pretende estender a aplicación da directiva de servizos ás actividades do complexo mar-industria e cambiar os títulos das concesións para limitar a súa vixencia, incluso abrindo a posibilidade de revocalos en caso de que os afectados rexeiten o cambio nos prazos

A conselleira cuestiona que o Executivo central diga que analizou as achegas e as tivo en conta pois en apenas 11 días hábiles elaborou o texto do novo Regulamento, o que denota que obviou todas as alegacións remitidas polas partes interesadas

O Goberno galego denuncia a vulneración flagrante dos principios de legalidade e confianza lexítima ao querer suprimir prórrogas extraordinarias ou anular as xa concedidas, coartando os dereitos adquiridos polos administrados

Galicia urxe a convocatoria dunha Conferencia Sectorial para que a ministra dea explicacións sobre os seus plans e escoite ás comunidades autónomas

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes da Comisión Mar-Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) no que lles trasladou a profunda preocupación da Xunta ante as pretensións do Goberno central de reformar o Regulamento Xeral de Costas para limitar a duración das concesións, incidindo incluso nas xa outorgadas para recortar a súa vixencia, co fin de expulsar calquera actividade do litoral.

Esa é unha das principais conclusións que saca a Administración galega da primeira lectura do anteproxecto de Real Decreto co que o Executivo central pretende modificar o Regulamento. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sacou onte a información pública o texto -que a Xunta está a avaliar a fondo- para que as partes interesadas poidan presentar alegacións antes do próximo 1 de abril.

Ángeles Vázquez salientou ante os responsables dos empresarios galegos que o anteproxecto constata o que Galicia veu denunciando nas últimas semanas tras coñecer os plans do Goberno central: que o fin último desa reforma -como xa intentou en 2018 e 2024- é acurtar os prazos das concesións no litoral de xeito totalmente arbitrario para eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa, o que pon en risco instalacións do complexo mar-industria galego e outras de carácter social asentadas á beira do mar.

Ademais, a responsable autonómica incidiu en que os últimos feitos confirmaron que esta modificación do Regulamento non é o resultado dunha exixencia de Bruxelas senón que foi o propio Ministerio quen lle propuxo á Comisión Europea o cambio na normativa. E faino indo máis aló do que lle pedía o Executivo comunitario pois pretende, por iniciativa propia, estender a aplicación da directiva de servizos ao sector produtivo, incluídas as instalacións do complexo mar-industria.

A conselleira asegurou que se trata dunha nova terrible desde o punto de vista económico e social pois o proxecto de Real Decreto vén a dicir que, de oficio, se lle van cambiar os títulos de concesión ás actividades económicas co fin de limitar o tempo de concesión e abre a posibilidade de, se o concesionario non acepta o novo prazo, revocarlle a concesión. “O Goberno central modifica as regras do xogo coa partida xa iniciada e, a quen non estea de acordo, expúlsao do xogo”, lamentou a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Por iso, a responsable autonómica criticou que o Goberno central xogue co conxunto da cidadanía e trate de dar aparencia de obriga imposta por Bruxelas a unha cuestión que só responde a intereses e principios ideolóxicos. Boa mostra diso é o feito de que apenas tres semanas despois de recibir as alegacións da consulta pública previa -apenas 11 días hábiles- o Ministerio xa teña o texto do real decreto sen incorporar ningunha das achegas recibidas. “Iso significa que as alegacións foron ao lixo e que segue coa folla de ruta que xa tiña marcada”, aseverou.

Nesta liña, subliñou que, tras ter cinco anos este asunto nun caixón, agora o Executivo central acelera ao máximo os prazos para aprobar o Regulamento e non modificar a lei de costas ou facer unha nova -como lle piden as comunidades autónomas- dado que non conta coa maioría parlamentaria necesaria para superar o trámite tanto no Congreso como no Senado. Faino así pola porta de atrás e ocultando información pois este Real Decreto -a diferenza do proposto en 2022 e doutros tramitados polo Ministerio- carece de memoria xustificativa e de trámite específico de consulta.

A responsable autonómica advertiu de que estamos ante unha vulneración flagrante dos principios de legalidade e confianza lexítima nos que se basea o Estado de Dereito pois búscase modificar unha lei vía Regulamento para suprimir prórrogas extraordinarias e mesmo anular as xa concedidas, coartando os dereitos adquiridos polos administrados.

Por iso, Ángeles Vázquez destacou que é máis urxente ca nunca a convocatoria dunha Conferencia Sectorial para que a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dea a cara e explique ás comunidades autónomas que é o que quere facer. Algo que xa debería ter feito pois é o que está establecido legalmente, que calquera modificación normativa debe ser abordada con carácter previo neste órgano de información e consulta ás rexións afectadas.

Neste escenario, a Xunta e os responsables da Comisión Mar-Industria da CEG acordaron crear un grupo de traballo para analizar xuridicamente o texto do anteproxecto de Regulamento Xeral de Costas e actuar de xeito coordinado na defensa dos intereses da comunidade e das instalacións asentadas no litoral. A conselleira lembrou que máis da metade da poboación galega vive pegada á costa e milleiros de persoas dependen economicamente de actividades vencelladas co mar e con instalacións asentadas no dominio público marítimo-terrestre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2026