O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado pola directora xeral de Xuventude, recibiu na Cidade da Cultura os 15 participantes da edición deste ano
López Campos enxalza o importante intercambio cultural entre a mocidade de Galicia e o Xapón que supón o programa ‘A Xuventude no mundo’
Salienta que a iniciativa leva 16 anos promovendo que “rapaces xaponeses coñezan a nosa cultura, lingua e patrimonio, ao tempo que permite á galega afondar na nipoa”
O representante da Xunta pon en valor o “especial vencello xa existente” que posúen estas dúas rutas recoñecidas Patrimonio da Humanidade pola Unesco
Anima a rapazada participante a converterse, ao seu regreso, “en embaixadores das innumerables virtudes da Galicia Calidade que están a descubrir e gozar estes días”
Convídaos a volver para vivir o Xacobeo 2027, “unha celebración única na que as galegas e galegos reflicten aínda máis o seu carácter aberto e anfitrión”
Preto de 350 mozos e mozas xa teñen participado nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desde a súa posta en marcha en 2010
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe “o importante intercambio cultural” entre Galicia e O Xapón que supón A Xuventude no mundo, programa da Xunta que “leva 16 anos promovendo que rapaces xaponeses coñezan a nosa cultura, lingua e patrimonio, ao tempo que tamén propicia que mocidade galega afonde in situ na nipoa”. Así o puxo en valor na recepción, na Cidade da Cultura, da rapazada da Prefetura de Wakayama que está participando durante esta semana na viaxe á Comunidade da edición deste ano.
Acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o representante do Goberno galego destacou as boas relacións entre Galicia e Wakayama, debido que ambas as dúas rexións suman 28 anos de irmandade con proxectos conxuntos centrados na cultura, o turismo ou o eido xuvenil. Ao respecto, lembrou que estes “lazos tan estreitos” teñen a súa orixe a que ambos os dous territorios contan con rutas de peregrinación, a Xacobea e Kumano Kodo, “recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade”, subliñou.
Neste senso, López Campos fixo fincapé en que, na viaxe desta semana por diferentes puntos de Galicia, os 15 mozos e mozas desta rexión nipoa percorrerán varios tramos do Camiño de Santiago, polo que os convidou a volver o ano que vén “para gozar da experiencia inxeridos nunha celebración única como é o Xacobeo, en que as galegas e galegos reflicten aínda máis o seu carácter aberto e anfitrións”.
Embaixadores da ‘Galicia Calidade’ no Xapón
Nesta liña, o conselleiro animou a mocidade participante a converterse, ao seu regreso, “en embaixadores das innumerables virtudes desa Galicia calidade que a través das súas paisaxes naturais, bens patrimoniais e diversidade cultural e lingüística estades desfrutando”. En concreto, o intercambio inclúe diferentes vilas e cidades e visitas á Casa Museo de Rosalía de Castro, ao Hórreo de Carnota, á fervenza natural do Ézaro ou á torre de Hércules, tamén Patrimonio da Humanidade.
Precisamente, a recepción institucional dos participantes foi na Cidade da Cultura co obxecto de que coñecesen o complexo arquitectónico e a súa ampla programación. En concreto, a rapazada do programa realizou unha visita guiada pola exposición Mundo expandido, composta por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas de artistas provenientes de doce países.
Finalmente, López Campos destacou o feito de que no programa A Xuventude no mundo teñen participado preto de 350 mozos e mozas, desde a súa posta en marcha hai 16 anos, “converténdose nunha das propostas de intercambio con máis éxito que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fortalecer os vínculos entre Galicia e Wakayama”. Ademais, lembrou que a edición deste ano completarase en setembro, cando viaxen á rexión nipoa os 15 mozas e mozos galegos.