Gómez Caamaño sinala que a Xunta impulsará en Carral as actuacións que sexan necesarias a curto e medio prazo conforme o criterio dos técnicos que hoxe visitaron o centro de saúde

O conselleiro subliña que o centro conta cos recursos suficientes para atender a demanda asistencial, xa que dispón de catro médicos de familia, catro profesionais de enfermería, un pediatra, unha matrona e un traballador social

Garante que a Xunta tomará as decisións oportunas para mellorar a atención sanitaria no municipio, incluíndo a planificación dun novo centro 

O titular de Sanidade destaca que a Xunta realizou, desde o ano 2021, distintas actuacións de mantemento no centro por valor de ao redor de 23.000 euros

Refire que o Concello de Carral recibiu en 2025 máis de 22.500 euros para compensar os custos de mantemento do centro de saúde, ao ser de titularidade municipal

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou no Pleno do Parlamento que a Xunta impulsará as actuacións que sexan necesarias a curto e medio prazo conforme o criterio dos técnicos que hoxe pola mañá visitaron o centro de saúde do municipio coruñés de Carral.

Así, o conselleiro reiterou que cando o seu departamento teña avaliada toda a información da visita que hoxe realizaron os técnicos, Sanidade tomará as decisións oportunas de cara a mellorar a atención sanitaria neste concello, incluíndo a planificación da construción dun novo centro de saúde se a situación así o require.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria incidiu en que, a partir desa análise técnica, poderanse determinar as intervencións a levar a cabo, que desenvolveranse mediante un convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Carral.

Gómez Caamaño garantiu unha atención de calidade á veciñanza de Carral e sinalou que máis do 75 % da poboación deste centro de saúde recibe atención, no caso dunha cita ordinaria, en menos de catro días.

Tamén puxo en valor o conselleiro que o centro conta cos recursos suficientes para atender a demanda asistencial e o incremento poboacional, xa que dispón de catro médicos de familia cunha media de 1.295 tarxetas sanitarias, catro profesionais de enfermería, un pediatra, unha matrona e un traballador social, ademais de persoal administrativo e médicos internos residentes en formación.

Polo tanto, -trasladou o titular de Sanidade- a atención sanitaria aos veciños do concello está garantida as 24 horas do día a través dos distintos dispositivos asistenciais da atención primaria.

Mellora, renovación e acondicionamento

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que a Xunta leva anos investindo na mellora, renovación e acondicionamento dos centros de saúde, tanto os que son da súa titularidade como os que son municipais. En concreto, desde o ano 2009, foron 138 os centros de saúde construídos e reformados en toda Galicia, cun investimento da Xunta de 162 millóns de euros. De xeito desagregado, 52 centros de saúde foron construídos, 27 reformados e 59 centros municipais nos que se levaron a cabo obras co-financiadas pola Xunta.

O conselleiro explicou que a Xunta incluíu no Fondo de Cooperación Local unha previsión específica para compensar aos concellos polos custos de mantemento dos centros de titularidade municipal como é o caso do de Carral, que recibiu en 2025 máis de 22.500 euros para este fin.

A colaboración da Xunta non remata neste investimento, posto que tamén realizou, desde o ano 2021, distintas actuacións de mantemento no propio centro por valor de ao redor de 23.000 euros. 

Entre esas melloras Gómez Caamaño citou, entre outras, a reforma e o traslado da área administrativa para incrementar o espazo e a confortabilidade, a instalación centralizada de osíxeno e a adaptación de espazos para consultas.

Así mesmo, dixo que o Sergas ten previsto en próximas datas levar a cabo o pintado exterior do edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2026