A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa do concello, Nidia Arévalo
Fabiola García sinala que a nova escola infantil de Mos será un referente na comarca e na provincia
O Goberno galego investiu máis de 730.000 euros en financiar a construción deste centro que ofrecerá desde setembro 41 prazas públicas de 0 a 3 anos
Mos (Pontevedra), 11 de marzo do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou hoxe que a nova escola infantil de Mos será un referente no só na comarca, senón tamén na provincia. Díxoo durante unha visita a este centro con motivo do final das obras, que o Goberno galego financiou case nun 100% cun investimento de máis de 730.000 euros. Na visita tamén participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa do concello, Nidia Arévalo.
Fabiola García recordou que hai apenas un ano poñíase a primeira pedra desta nova escola, que hoxe xa é unha realidade grazas á colaboración entre a Administración autonómica e a local, e que ofrecerá desde setembro 41 prazas públicas de 0 a 3 anos. Así mesmo, sinalou que con este equipamento, os veciños de Mos contan xa con máis e mellores recursos para administrar o seu tempo e poder compaxinar o seu proxecto vital e laboral.
Neste sentido, a conselleira lembrou que Galicia é líder en conciliación, con medidas pioneiras como a gratuidade total na etapa educativa de 0 a 3 anos á que a Xunta destina un investimento anual de 68 millóns de euros de fondos propios. Unha iniciativa que beneficia a 32.000 familias de toda Galicia, que aforran preto de 4.000 euros ao ano, e que permite á nosa comunidade ser líderes absolutos en España nesta materia con case o 65% de escolarización, 15 puntos por riba da media estatal.
Centro de Coidados Intermedios
Esta nova escola infantil está situada no complexo do antigo hospital do Rebullón, que tamén acollerá un Centro de Coidados Intermedios público para persoas maiores que xa recibiron a alta hospitalaria e que precisan coidados específicos antes de regresar ás súas casas ou a unha residencia. Deste modo, continúase a súa atención desde o ámbito social, facilitándose a recuperación logo de postoperatorios longos que necesitan de rehabilitación. A Xunta ten nestes momentos en licitación as obras deste novo equipamento, que terá unha capacidade de 58 prazas e no que investirá 11,6 millóns de euros.