O conselleiro de Sanidade, o xerente do Servizo Galego de Saúde e o director xeral de Asistencia Sanitaria compareceron hoxe en rolda de prensa para presentar o balance de actividade do pasado ano, que medrou en cirurxías, consultas e probas diagnósticas

O Sergas incrementou en 2025 a actividade asistencial, acadando o máximo de cirurxías por segundo ano consecutivo pese ás folgas contra o estatuto marco que suspenderon máis de 1.000 intervencións

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, advirte de que, xunto co aumento da actividade, os datos reflicten o aumento dos tempos de espera como consecuencia das folgas contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central

Detalla que antes dos paros de decembro, a data 30 de novembro os datos rexistraban un maior índice de incremento de actividade e unha redución dos tempos de espera

Sinala que, no pasado ano, o Servizo Galego de Saúde realizou 207.409 operacións, o que supón 2.580 máis que no 2024

Nas operacións de prioridade 1, que o pasado ano foron 27.560, o tempo medio de espera sitúase en 20,2 días, o que supón case 10 días menos que o establecido no decreto de tratamento homoxéneo da información sobre listas de espera

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

O Servizo Galego de Saúde incrementou no 2025 a actividade asistencial, acadando o máximo histórico de cirurxías por segundo ano consecutivo, todo iso a pesar das folgas contra o Estatuto Marco, que supuxeron a suspensión de 1.086 intervencións cirúrxicas. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, presentou hoxe en rolda de prensa o balance de actividade asistencial no Servizo Galego de Saúde a 31 de decembro de 2025.

O titular da carteira sanitaria da Xunta incidiu en que os datos reflicten, por un lado, un incremento de actividade tanto en cirurxías como en probas e en consultas co especialista e, por outro, o aumento dos tempos de espera como consecuencia, principalmente, dos paros de facultativos do mes de decembro contra o Estatuto Marco. Eses paros supuxeron a suspensión de 59.000 actos médicos, co conseguinte impacto moi significativo nos tempos de acceso dos pacientes á sanidade. Segundo sinalou, o impacto vén dado non só polas operacións, probas e consultas suspendidas, senón tamén pola actividade que se deixa de programar cando hai un paro convocado. 

Pese ás folgas e ao contexto xeneralizado de falta de profesionais de determinadas especialidades, o conselleiro remarcou que o pasado ano o Servizo Galego de Saúde realizou 207.409 operacións, o que representa 2.580 intervencións cirúrxicas máis que o ano anterior, cun incremento do 1,3 %.

No que se refire ao tempo de acceso, tivo un incremento de 5,7 días, situándose o tempo medio de espera para unha operación en 72,8 días.

Operacións de prioridade 1

Gómez Caamaño detallou que o Sergas logrou conter a suba de tempos de acceso nas intervencións que non poden agardar, as de prioridade 1, para as que o tempo medio de espera situouse en 20,2 días, o que supón case 10 días menos que o establecido no Real Decreto de tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde.

Así mesmo, a pesar das folgas, o Sergas logrou seguir aumentando o número de intervencións de prioridade 1, que o pasado ano foron 27.560.

Respecto das consultas externas dos hospitais, tamén medraron en actividade, cun incremento do 1,6 %, atendendo 77.455 pacientes máis que en decembro de 2024. En concreto, os hospitais do Sergas realizaron case cinco millóns de consultas, cun tempo medio de espera 1,8 días superior a decembro de 2024, quedando en 62,6 días.

No que atinxe ás probas diagnósticas, no pasado ano leváronse a cabo 3.725.000, cun incremento do 2,8 %, o que supón que se fixeron a 102.434 pacientes máis. O tempo medio de espera destas probas é de 97,8 días.

Vías rápidas e lei de garantías

Outro dato que destacou o conselleiro foi o relativo ás vías rápidas por sospeita de cancro. Neste senso, o Sergas logrou realizar 1.862 consultas máis, acadando un récord histórico ao facer 27.254 consultas, é dicir, 1.862 máis que en 2024. O tempo medio de espera destas vías rápidas baixa e sitúase en 5,6 días, fronte aos 5,8 de 2024.

Xunto ao anterior, o Sergas tamén bateu outro récord no número de pacientes beneficiados pola Lei de garantías de tempos máximos, con preto de 62.000 doentes atendidos e superando, por vez primeira, os 60.000 actos asistenciais garantidos nun ano.

Para Gómez Caamaño, todos estes datos evidencian a realización de máis cirurxías, máis probas diagnósticas e máis consultas nos hospitais públicos nun semestre especialmente complicado polas xornadas de folga rexistradas no último tramo do ano, o que condicionou moito os resultados.

Como mostra da incidencia das folgas, o conselleiro referiu que, antes dos paros, concretamente a 30 de novembro, a tendencia era boa, cun incremento do 1,9 % en canto ao número de consultas hospitalarias realizadas, e pechouse o ano cun incremento do 1,3 %.

Ademais, a 30 de novembro, o Sergas levaba realizadas 4.263 cirurxías máis que no mesmo período do ano anterior, é dicir un 2,3 % máis e, como consecuencia das folgas, o aumento da actividade a finais do ano foi do 1,3 %.

Outro dato significativo da incidencia das folgas é que, a 30 de novembro, o tempo medio de espera para unha cirurxía era inferior ao mesmo período do ano anterior en 1,1 días, e, finalmente, pechouse decembro con 5,7 días máis.

Chamamento ao diálogo e á responsabilidade 

Estes datos -proseguiu o conselleiro- amosan claramente que, os preto de 60.000 actos médicos suspendidos pola folga de decembro contra o Estatuto Marco que promove o Goberno central, teñen un claro impacto nos pacientes en espera e nos tempos de acceso, xa que ademais da actividade suspendida, cando hai folga a programación é máis baixa.

Na súa intervención na rolda de prensa, o conselleiro reiterou o seu chamamento á ministra de Sanidade para que escoite, dialogue e chegue a acordos cos médicos.

Gómez Caamaño incidiu na necesidade dun marco de regulación laboral propio e específico para a profesión médica, unha reivindicación se compromete a apoiar ante o Ministerio de Sanidade.

O conselleiro tamén fixo un chamamento á responsabilidade de todos, tamén dos profesionais, posto que detrás de cada cirurxía, proba e consulta non programada ou suspendida pola folga hai pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026