A directora xeral de Patrimonio Natural compareceu na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos

A Xunta salienta o aval da xustiza ao Plan reitor do Parque Natural das Fragas do Eume e defende o seu compromiso coa conservación deste espazo protexido

Marisol Díaz indica que o TSXG vén de confirmar nas tres sentenzas coñecidas este mes de marzo a improcedencia de indemnizar aos propietarios de terreos localizados no interior do parque

Pon en valor o programa posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para comprar parcelas privadas a prezos baseados en valoracións técnicas obxectivas e incrementar a superficie de titularidade pública do parque

Reitera que o PRUX é unha ferramenta legal e proporcionada que marca a folla de ruta a seguir de cara a garantir a conservación dunha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Diaz, salientou hoxe o aval da xustiza ao Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Fragas do Eume e defendeu o “compromiso inquebrantable” da Xunta de Galicia coa conservación deste espazo protexido.

Durante a súa comparecencia na comisión segunda do Parlamento galego, a directora xeral fixo fincapé en que as tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecidas este mesmo mes de marzo confirman a improcedencia de indemnizar aos propietarios de terreos localizados no interior do parque.

Deste xeito, a xustiza confirma que as restricións ou limitacións son inherentes á protección do espazo natural e non xeran un dereito a compensación económica de xeito automático. Esas indemnizacións só proceden no caso de que as limitacións eliminen a existencia de aproveitamentos con valor económico previos á declaración.

Logo de insistir en que “as compensacións teñen que basearse en perdas económicas reais de aproveitamento por limitacións de uso, que deben cuantificarse”, a directora xeral explicou que se lles solicitou aos propietarios que aportasen documentación de casos concretos de parcelas afectadas por limitacións de aproveitamentos previos de cara a avalialos nunha reunión e, polo de agora, non se presentou nada.

Ademais, cómpre lembrar que preto do 60% da superficie do Parque Natural está cualificada como uso xeral ou uso compatible, polo que non hai limitacións apreciables a ningún uso dos terreos.

Nese senso, Marisol Díaz puxo en valor o programa posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para comprar parcelas privadas e incrementar a superficie de titularidade pública do Parque Natural. A directora xeral explicou que a Xunta merca as parcelas a prezos baseados en valoracións técnicas obxectivas e homologadas, e asume todos os gastos para a restauración ambiental dos terreos.

De feito, o interese dos propietarios por esta iniciativa demóstrase co feito de que a Xunta está a recibir un importante e crecente número de parcelas ofertadas para a súa compra.  Cómpre indicar que ata o de agora, ao abeiro deste programa, xa se adquiriron 103 parcelas privadas neste parque natural, cunha superficie de máis de 120 hectáreas e un investimento de máis de 700.000 euros. E xa se está a tramitar a compra dun novo lote de parcelas.

A maiores, Marisol Díaz puxo como exemplo do compromiso do Goberno galego coa conservación deste espazo natural protexido que os investimentos previstos no período 2026-2028 superan os catro millóns de euros destinados a equipamentos, infraestruturas, instalacións, conservación da biodiversidade, etc.

Para concluír, a directora xeral reiterou o PRUX é unha ferramenta legal e proporcionada que marca a folla de ruta a seguir de cara a garantir a conservación dunha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026