A Xunta participa nun simulacro de accidente aéreo no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no exercicio, que ten como obxectivo ensaiar a activación do Plan de emerxencia do aeródromo e a súa integración no Plan Territorial de Emerxencias de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2026
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe nun simulacro no Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro realizado co obxectivo de ensaiar a efectividade do Plan de emerxencia do aeródromo e a súa integración co Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) mediante o ensaio da activación dos medios internos e a súa coordinación cos externos.
O exercicio consistiu na simulación do accidente dunha aeronave durante a manobra de aterraxe con saída de pista á altura do Concello do Pino, con 40 persoas, das que case a metade resultaban falecidas. Xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a Fundación Pública Urxencias de Galicia 061 ou servizo de emerxencias provincial da Coruña. Tamén interviñeron medios internos do aeroporto, así como a delegación do Goberno en Galicia, Protección Civil e bombeiros do Concello de Santiago, bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña e, no que se refire ás actuacións relacionadas coa seguridade Policía Local de Santiago e Garda Civil. Canto á atención ás vítimas colaboraron no simulacro a persoa de contacto para asistencia a vítimas (PECO), o Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (Gipce), o Grupo de Intervención de Emerxencias Sociais (GIES) e Cruz Vermella.
Por parte da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mobilízanse aos medios de atención, desprazase o vehículo do Posto de Mando Avanzado da Axega, coordínase a actuación dos grupos de intervención unha vez activado o Platerga, momento no que asume o mando, actívase ao Gipce e ao GIES para a atención das salas de ilesos e familiares e incorpóranse a responsables do Posto de Mando Principal (PMP).
Así, tras a activación do Platerga, procedeuse á súa comunicación aos diferentes medios e ao propio aeroporto realizándose a cesión de mando e constituíndose o Centro de Coordinación Operativa no que se integrou o Posto de mando principal do aeroporto e o postos de mando avanzado. Activáronse ademais os puntos de recepción de medios, de guiado e de encontro, así como a sala de ilesos e feridos leves e a de reencontro de vítimas ilesas e familiares.
A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de preparación para garantir a eficacia ante as posibles emerxencias para o que periodicamente programa e participa en simulacros. No caso dos aeroportos, deben realizarse simulacros xerais cada dous anos para dar cumprimento ao Plan de Emerxencia propio. O Goberno galego comprobou o ano pasado a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil con 12 simulacros e simulacións de Plans de protección civil autonómicos, seis máis que no ano anterior. Entre eles, destacan os exercicios para comprobar a efectividade do Platerga por accidente aéreo levados a cabo precisamente en febreiro no aeroporto de Santiago de Compostela e tamén ao longo do ano nos da Coruña e Vigo.