Galicia participa en Suecia na reunión do Consorcio do Proxecto HERCULES para compartir boas prácticas no eido da innovación sanitaria
Trátase dun proxecto coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), dentro do espazo Interreg Europe, centrado na medicina personalizada que fomenta un envellecemento activo e saudable da poboación
Conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e catro anos e medio de duración
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2026
Os socios do proxecto HERCULES, coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), reuníronse na cidade de Umea, en Suecia, no que xa é o cuarto evento interrrexional de aprendizaxe e de compartir boas prácticas no eido da innovación sanitaria.
Por parte da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde participaron o director da área de Desenvolvemento e Innovación sanitaria, José María Romero, e a xestora do proxecto, Andrea Fernández.
Trátase dun proxecto de 1,6 millóns de euros de orzamento e catro anos e medio de duración, dentro do espazo Interreg Europe. Está centrado na medicina personalizada, fomentando un envellecemento activo e saudable da poboación.
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde como líder do proxecto, conta coa colaboración e participación de diversos socios europeos para alcanzar as metas propostas de ata seis países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).
O proxecto pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o despregamento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Buscarase a participación de todos os axentes da quíntupla hélice: cidadáns, autoridades rexionais, empresas, investidores e academia.
Experiencia do Servizo Galego de Saúde
No caso de Galicia, o director da área de Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), José María Romero, relatou a experiencia do Servizo Galego de Saúde en compra pública innovadora, unha ferramenta principal para promover a innovación dende a demanda no sector saúde en Galicia.
Destacou na súa intervención investimentos superiores aos 120 millóns de euros executados e proxectos en execución como REHEAL, iniciativa de compra pública precomercial no ámbito das cadeas de subministro sostible con máis de sete millóns de euros de orzamento, ou o Plan de innovación sanitaria en medicina 5P PRECISAÚDE, cun orzamento de 20 millóns de euros en eidos como oncoloxía, saúde mental, obesidade, simulación, xenómica ou terapias avanzadas.
Toda esta experiencia foi recoñecida en 2021 como gañadores dos I premios de Compra Pública de Innovación a nivel europeo outorgado polo Consello Europeo de Innovación.