A Xunta incide no papel histórico do Centro Galego de Rosario e celebra coa colectividade do exterior o concerto de Luar na Lubre

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda visitou a cidade no marco da viaxe institucional que está a realizar esta semana polo Brasil, A Arxentina e O Uruguai 

Rosario (Arxentina), 14 de marzo de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, visitou a cidade de Rosario no marco da viaxe institucional que a Xunta de Galicia está a realizar esta semana polo Brasil, A Arxentina e O Uruguai. Durante a súa estancia, Miranda visitou o Centro Galego de Rosario e asistiu ao concerto do grupo galego Luar na Lubre, incluído na súa xira internacional con motivo do seu 40 aniversario.

No Centro Galego, o secretario xeral mantivo un encontro coa directiva da entidade e con membros da colectividade galega asentada na cidade. A reunión permitiu coñecer de primeira man a actividade cultural e social que desenvolve esta institución histórica da diáspora galega. Miranda agradeceu o labor das persoas que, ao longo das décadas, contribuíron a manter vivo o espírito galego en Rosario e destacou o papel fundamental destes centros como espazos de encontro, de preservación das tradicións e de transmisión da cultura ás novas xeracións. Neste sentido, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de continuar apoiando ás entidades galegas do exterior para que sigan sendo referentes de galeguidade e pontes permanentes de unión con Galicia.

A xornada completouse coa asistencia ao concerto de Luar na Lubre, que reuniu numerosos membros da colectividade galega da cidade e no que tamén estivo presente o cónsul xeral de España en Rosario, Pablo Platas. O secretario xeral salientou que iniciativas culturais como esta contribúen a fortalecer os vínculos entre Galicia e a súa diáspora, ao tempo que achegan a música e as tradicións galegas ás novas xeracións de descendentes. Así mesmo, puxo en valor o papel das entidades da colectividade que colaboran na organización deste tipo de actividades, fundamentais para manter viva a identidade galega no exterior e reforzar os lazos históricos que unen Galicia coa Arxentina.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/03/2026