Medio Rural destinou máis de 300.000 euros á mellora de camiños no concello de Portomarín desde 2020
A conselleira María José Gómez visitou hoxe as obras executadas ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, cunha axuda de algo máis de 58.000 euros para mellorar os camiños no Mazo e Moreiras
Lembrou que a convocatoria do Plan Camiña Rural para o período 2026-2027 xa se publicou cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros
Dende o ano 2016, a Xunta ten actuado en case 6.700 camiños que abranguen unha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros, cun importe de axudas de preto de 156 millóns de euros
Portomarín (Lugo), 13 de marzo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou hoxe o concello de Portomarín para comprobar as últimas obras executadas ao abeiro do Plan do Plan Camiña Rural. Neste sentido, destacou que desde o 2020 destináronse máis de 300.000 euros á mellora de vías de comunicación neste concello. En concreto, a través da convocatoria 2025-2026 do Plan Camiña Rural, apoiouse ao Concello para executar a mellora de infraestruturas rurais no Mazo e Moreiras, cunha achega de algo máis de 58.000 euros.
María José Gómez destacou o labor que desenvolve a Consellería a través desta liña de axudas, que ten como obxectivo apoiar aos concellos galegos na mellora das vías de titularidade municipal. Sinalou que estas infraestruturas son “claves” na dinamización social e económica do agro, xa que contribúen a vertebrar o territorio.
Así, lembrou que este ano xa se publicou a convocatoria para o período 2026-2027, cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros. Esta medida beneficia a todos os concellos galegos e subvenciona a ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Actuacións en case 6.700 camiños
Dende o ano 2016, tendo en conta a convocatoria 2025-2026, a Consellería do Medio Rural ten actuado en case 6.700 camiños que abranguen unha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros, cun importe de axudas de preto de 156 millóns de euros.
Neste sentido, a conselleira reafirmou a aposta do Goberno autonómico a prol da colaboración institucional para mellorar as infraestruturas. Así, estas actuacións redundan de xeito moi beneficioso na mobilidade dos veciños destas contornas e, ao mesmo tempo, facilita o transporte dos produtos agroalimentarios que se producen na zona.