O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases que rexen o procedemento de adxudicación de prazas nos centros 0-3 dependentes da Administración autonómica

A Xunta avanza que a partir de mañá as familias poderán solicitar unha das máis de 4.300 prazas das escolas infantís da Rede Pública Autonómica da Coruña

Poderanse solicitar ata o vindeiro 7 abril

Como novidade, auméntase a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores e dáse prioridade total ás vítimas de violencia de xénero

As listas definitivas de admitidos darase a coñecer o vindeiro 29 de maio e o período de matriculación será do 1 ao 12 de xuño

O Goberno galego mantén, por quinto curso, a gratuidade da atención educativa para todo o alumnado e en todos os centros, con independencia da súa titularidade

A Coruña, 16 de marzo do 2026

A Xunta de Galicia abre a partir de mañá martes e ata o vindeiro 7 de abril o prazo para que as familias galegas soliciten unha das máis de 10.500 prazas que se ofertan nas escolas infantís públicas autonómicas de cara ao o vindeiro curso 2026-2027. Destas prazas, 4.352 corresponden a centros de 0 a 3 anos da provincia da Coruña.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do procedemento de adxudicación destas prazas nos centros de 0 a 3 anos que dependen da Administración autonómica: os da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e os do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Os pais poderán remitir as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta ou, se o prefiren, acudindo de xeito presencial a calquera dos rexistros oficiais. O día 6 de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos e abrirase un prazo de reclamación de cinco días hábiles (do 7 ao 13 de maio). As listas definitivas dos nenas e nenos admitidos daranse a coñecer o 29 de maio e, acto seguido, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de dez días hábiles (do 1 ao 12 de xuño). O curso escolar dará comezo o venres, 4 de setembro.

Este ano, como novidades, a Xunta aumenta a baremación para as familias nas que traballan os dous proxenitores ou o único proxenitor, no caso das monoparentais. Ademais, establécese que as vítimas de violencia de xénero terán acceso prioritario.

Educación sen custo para os pais

O curso 2026-2027 será o quinto na comunidade no que a atención educativa 0-3 anos será gratuíta para todos o alumnado e en todas as escolas, con independencia da súa titularidade. Unha medida que fixo que Galicia revalidara este ano, e por terceira vez consecutiva, o seu liderado na taxa de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil, con case un 65% e 15 puntos por riba da media nacional.

Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís, tanto as da Xunta como as dos concellos, as de iniciativa social e as de titularidade privada. Grazas a esta medida, máis de 32.000 familias poden levar aos seus fillos a escola infantil que elixan, na que recibirán atención educativa de balde oito horas ao día e once meses ao ano.

O Executivo autonómico destina máis de 68 millóns de euros anuais de fondos propios a este programa da gratuidade, que supón para os fog ares un aforro de arredor de 4.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/03/2026