A Xunta facilita a renovación das prazas das escolas infantís da rede pública autonómica de xeito proactivo
Mediante o envío dunha mensaxe SMS, lémbrase ás familias a posibilidade de renovar cun enlace directo á solicitude web
A iniciativa enmárcase no novo modelo de relación coa cidadanía para anticiparse ás necesidades das persoas usuarias dos servizos públicos
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2026
A Xunta facilita, de xeito proactivo, a renovación das prazas das escolas infantís de 0‑3 anos da rede pública autonómica, mediante unha comunicación por SMS dirixida ás familias que obtiveron praza na convocatoria anterior, na que se lembra a posibilidade de renovar a praza e se incorpora un acceso directo á solicitude web.
O obxectivo desta iniciativa da Dirección xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública é aforrar trámites e facer a renovación máis rápida e sinxela. Enmárcase no novo modelo de relación coa cidadanía que o Goberno galego está impulsando, ofrecendo de xeito proactivo servizos personalizados para anticiparse ás necesidades das persoas usuarias dos servizos públicos.
Convocatoria simplificada de prazas de educación infantil
No dia de hoxe, o DOG publica a nova convocatoria de prazas para educación infantil na etapa 0-3 anos, que consolida a gratuidade deste servizo. A convocatoria incorpora xa medidas de simplificación administrativa pensadas para reducir as cargas burocráticas e axilizar a escolarización infantil.
Deste xeito, a información publicada na sede electrónica será máis clara e sinxela para facilitar a súa comprensión e a solicitude web terá unha estrutura máis lineal e intuitiva. Ademais, a autorización outorgada pola persoa solicitante permite á Administración contactar coas familias para axilizar e facilitar a renovación da praza na escola infantil.
A nova convocatoria contempla tamén a redución de cargas administrativas, como por exemplo, sempre que a persoa interesada o autorice, a Administración autonómica realizará de oficio a comprobación da declaración da renda, tanto no momento da adxudicación da praza como nas sucesivas renovacións, evitando así que a persoa usuaria teña que autorizalo en cada renovación da praza.
Con esta convocatoria e coa implantación nela de novas medidas de simplificación, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha educación infantil pública, accesible e de calidade, co apoio efectivo ás familias e cunha Administración máis próxima, áxil e orientada á cidadanía.
Por outra banda, e co motivo do comezo da tempada de pesca fluvial en Galicia, cómpre lembrar que entre os servizos proactivos postos en marcha pola Dirección xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, atópase tamén a renovación de licencias deste tipo, como exemplo dun modelo de Administración orientada ás persoas.