Docentes de centros de Madrid e Rianxo intercambian boas prácticas a través dun programa da Xunta
O director xeral de Centros da Consellería de Educación recibe a grupo de mestres do Colexio Rural Agrupado Los Olivos no CRA de Rianxo para coñecer o ensino galego
Rianxo (A Coruña), 17 de marzo de 2026
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, recibiu hoxe a un grupo de cinco docentes da Comunidade de Madrid que están a coñecer o sistema educativo galego nunha visita ao CRA de Rianxo. Desenvólvese no marco do programa Observa_Acción, de intercambio de boas prácticas entre profesorado en prol da creación dunha rede de aprendizaxe profesional.
Durante a súa estadía de dúas xornadas, os profesionais madrileños visitan as diversas escolas que compoñen o colexio para coñecer a dinámica organizativa nas aulas multigrao –que agrupan alumnos de diferentes cursos–, a atención á diversidade ou o traballo que se realiza no centro rianxeiro con ferramentas como, por exemplo, a radio na biblioteca escolar. Ademais, achéganse ao Polo Creativo do centro e o labor que se desenvolve con material tecnolóxico e manipulativo para favorecer as competencias científico-matemáticas, entre outras. Á súa vez, os profesores galegos xa visitaron o Colexio Rural Agrupado Los Olivos, en Madrid, os días 5 e 6 de marzo.
Observa_Acción desenvólvese en dúas fases: unha primeira no propio centro e con outros centros galegos e, no segundo ano de participación no programa, con centros educativos doutras comunidades e de países socios a nivel internacional.
A iniciativa forma parte de Galemundo, o programa de internacionalización do ensino da Xunta de Galicia que permite que máis de 8.300 alumnos e docentes realicen estadías en diferentes países este curso co apoio de distintas convocatorias de bolsas.