A Xunta detalla os itinerarios alternativos polo corte da Avenida da Pasaxe o 30 e 31 de marzo e 1 de abril para avanzar nas obras de acceso ao Novo Chuac
O peche do tráfico durante estes tres días permitirá a demolición do viaduto dado que se prevé unha reducción da circulación de entre o 20 e 25% por coincidir coa Semana Santa
Desde hai meses a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña veñen traballando de maneira coordinada para preparar este momento e minimizar todo o posible as molestias na circulación, tanto para o tráfico particular como para o transporte público
A Coruña, 17 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, acompañada polo xerente da área sanitaria da Coruña, o xefe provincial da AXI, Felipe de la Vega, e as directoras territoriais da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Mar Ferreiro, explicaron esta mañá polo miúdo cada unha das alternativas que se sinalizarán con motivo do próximo corte de tráfico na avenida da Pasaxe, os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, luns, martes e mércores de Semana Santa, contemplando os mellores itinerarios alternativos para o acceso ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).
A delegada da Xunta explicou que previamente se mantivo un encontro cos alcaldes e alcaldesas de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo e Oleiros, concellos que forman parte da área máis próxima do Chuac e cuxos veciños utilizan diariamente estes accesos para desprazarse ao hospital. O obxectivo foi informar de primeira man sobre o corte de tráfico dentro do plan de mellora dos accesos, coordinar a difusión das medidas e manter unha comunicación fluída.
Destacou que desde hai meses a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña veñen traballando de maneira coordinada para preparar este momento e minimizar ao máximo as molestias na circulación, tanto para o tráfico particular como para o transporte público. Neste tempo celebráronse diversas reunións técnicas nas que participaron tamén a Concellería de Mobilidade xunto coa Policía Local e distintos servizos implicados, ás que se sumou un encontro, o pasado xoves, na Delegación Territorial da Xunta coa participación de distintos organismos dependentes directamente da Xunta, así como a DGT, Demarcación de Estradas do Estado, ADIF, a Autoridade Portuaria, ou Audasa. Nestas reunións analizáronse os desvíos e as alternativas de circulación, que serán debidamente sinalizados á cidadanía, ademais de, comunicados a través dos diferentes medios de comunicación.
Belén do Campo informou que a partir desta mesma semana continuarán os traballos preparatorios co obxectivo de indicar todos os cambios con suficiente antelación e facilitar a súa comprensión por parte dos condutores.
Ademais, a Xunta porá en marcha unha intensa campaña de comunicación baseada na información periódica aos medios sobre incidencias e avances das obras, nunha campaña informativa sobre o corte e as alternativas de circulación e nunha acción específica dirixida ao persoal do hospital e aos centros de saúde da área sanitaria coordinada desde a Xerencia do CHUAC.
Ademais, indicou que a elección das datas de demolición responde a criterios técnicos, xa que segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, ao non haber transporte escolar e tratarse da Semana Santa, o tráfico redúcese entre un 20 por cento e un 25 por cento na cidade.
A avenida da Pasaxe permanecerá pechada ao tráfico nun treito duns 300 metros, entre a pasarela peonil fronte ao tanatorio Servisa e o Burger King. Así, o acceso e saída a través do coñecido como “scalextric” desaparecerá ata a construción da nova estrutura, mentres que os restantes accesos se manteñen. María Deza lembrou que o desvío do tráfico é necesario para levar adiante a demolición do viaduto sobre a AC-012, actuación imprescindible para executar a nova estructura de acceso á AC-012 cunha glorieta de 44 metros de diámetro exterior e para o desenvolvemento do anel perimetral.
Alternativas corte tráfico
Estableceranse varias alternativas dependendo da procedencia dos vehículos. No caso dos accesos desde fóra da cidade, tanto desde a glorieta da Ponte da Pasaxe como desde a AP-9, o itinerario sinalizado será pola avenida de Alfonso Molina, collendo a saída hacia o Porto e pasando pola glorieta de Matogrande ata a glorieta de Casablanca.
Se o acceso é desde a área de Carballo e Arteixo, o itinerario será o habitual pasando pola glorieta de Matogrande, o túnel de Eirís e a glorieta de Casablanca.
No que respecta aos accesos desde o interior da cidade, se se procede da glorieta da Casa do Mar, o itinerario sinalizado discorrerá pola estrada do Porto ata a glorieta de Casablanca. Tamén estará indicado, ao estar cortado o túnel de Os Castros, o paso polas vías de servizo da avenida da Pasaxe ata chegar á glorieta de Os Castros e continuar ata Casablanca. Outra alternativa será circular pola avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.
Alternativas despois da demolición do viaducto
Durante a fase de reconstrución do novo viaduto, unha vez demolido o scalextric e levantado o corte de tráfico na avenida da Pasaxe, o acceso ao Chuac desde a glorieta da Ponte da Pasaxe realizarase a través da glorieta de Casablanca.
Para saír do hospital mantense o itinerario cara a glorieta da Ponte Pasaxe. Coa obra de mellora de accesos executouse tamén un vial de saída do Chuac polo Parque de Eirís cara á AC-10, que conecta coa glorieta de Casablanca e facilita o acceso ao interior da cidade. Non obstante, manteranse outras alternativas a través da avenida de Monelos, a rúa Javier López López e a avenida de Lamadosa.
Transporte público
No ámbito do transporte público interurbano, a Xunta adaptará desde o luns 30 de marzo os itinerarios das liñas de autobús afectadas polo corte da avenida da Pasaxe durante a demolición do viaduto de acceso ao Chuac. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes consensuou co Concello da Coruña os desvíos temporais entre varias alternativas para minimizar o impacto na mobilidade. En canto ao autobús interurbano, a Xunta manterá as paradas actuáis das liñas e a funcionalidade para a ciudadanía dos servizos de transporte público que circulan pola zona, 442 nun día laborable. Así, a parada da entrada do Chuac axustará uns metros a súa localización ao lugar habilitado para manter o acceso do servizo.
En sentido entrada da cidade, os autobuses realizarán o seu percorrido habitual con todas as paradas ata o Hospital Teresa Herrera e ata as inmediacións da zona do viaduto que conecta a avenida da Pasaxe co Chuac, onde farán un cambio de sentido para regresar pola estrada AC-12 ata a Ponta da Pasaxe. Entrarán na cidade pola avenida Alfonso Molina e empregarán a estrada AC-10 ata a rotonda de Casablanca, para subir cara á parada provisional do Chuac. Alí farán outro cambio de sentido habilitado para continuar o itinierario cara á zona dos Castros.
En sentido saída da cidade, os servizos realizarán o mesmo desvío en sentido inverso. Chegarán polo percorrido habitual ata a parada provisional do Chuac, realizarán un cambio de sentido para regresar pola estrada AC-12 ata a rotonda de Casablanca, onde collerán a estrada AC-10 e, a continuación, a avenida Alfonso Molina. Na rotonda da Ponte da Pasaxe incorproraranse de novo á estrada AC-12 cara ao Chuac para realizar as paradas dese treito ata o Hospital Teresa Herrera. Continuarán ata o cambio de sentido habilitado para regresar pola estrada AC-12 ata a Ponte da Pasaxe e seguir o itinerario habitual das liñas.