O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Sergas e o director xeral de Asistencia Sanitaria, reuniuse cos responsables das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco e a de facultativos de atención primaria

A Xunta apela á responsabilidade para frear as folgas de facultativos, que desde decembro provocaron a suspensión de máis de 188.600 actos médicos

Na xornada de onte deixaron de realizarse 5.815 consultas hospitalarias, 4.421 consultas en atención primaria, 541 probas diagnósticas e 196 cirurxías

O Servizo Galego de Saúde abordará a reorganización asistencial necesaria para reprogramar a actividade suspendida o antes posible

Fronte á falta de negociación do Ministerio de Sanidade, a Xunta ten en marcha dous grupos de traballo centrados nos recursos humanos e no ámbito asistencial para mellorar a atención primaria e axustar os tempos e o número de consultas

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

A Xunta fai un chamamento á responsabilidade da ministra de Sanidade e do persoal sanitario para abrir vías de diálogo e frear as folgas médicas que desde o seu inicio en decembro, co primeiro paro contra a reforma do Estatuto Marco, supuxeron a suspensión de 188.645 actos médicos.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, mantivo unha reunión telemática cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central e da folga indefinida de atención primaria.

No día de onte luns a actividade suspendida por mor da folga foi de 196 operacións, 5.815 consultas hospitalarias, 4.421 consultas de atención primaria e 541 probas diagnósticas.  

En canto ao seguimento da folga na xornada de hoxe martes, o responsable da sanidade pública indicou que acadou, na quenda de mañá, o 23,77 % en atención hospitalaria e o 4,79 % en atención primaria. Por hospitais, o maior seguimento nos hospitais de cabeceira acadouse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, cun 32,15 %; e o menor no de Ferrol, cun 17,94 %. Nos hospitais comarcais, o maior seguimento acadouse no Hospital do Salnés, cun 23,81 %; e o menor, no de Cee, cun 8 %.

A Consellería de Sanidade reitera a vontade permanente da Xunta de negociar e pon en valor os dous grupos de traballo que están en marcha para reformar a atención primaria antes do verán cun modelo de atención de calidade para pacientes e profesionais.

Fronte á falta de diálogo co colectivo médico por parte do Ministerio, a Consellería de Sanidade xa se comprometeu cos sindicatos da mesa sectorial a abordar incrementos retributivos para persoal de urxencias hospitalarias e de puntos de atención continuada, ademais de debater melloras para adaptar os tempos e o número de consultas de atención primaria e reforzar o papel da xefatura de servizo dos centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026