O Servizo Galego de Saúde asina coas organizacións sindicais un novo pacto de selección de persoal estatutario temporal

A sinatura do novo pacto prodúcese logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial: CIG, CSIF, CCOO e UGT

Este pacto substituirá os actualmente vixentes, que data dos anos 2016 e 2018

Permitirá avanzar na consolidación dos dereitos do persoal temporal do Sergas en aspectos como a conciliación, a protección da maternidade, a transparencia, a publicidade dos criterios de xestión ou a selección do persoal licenciado sanitario

Como principal novidade, configúrase un procedemento para a xestión de chamamentos telemático, que substituirá de forma progresiva ás chamadas telefónicas

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026

O Servizo Galego de Saúde asinou hoxe coas organizacións sindicais da Mesa Sectorial un novo Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do sistema público de saúde de Galicia.

Esta sinatura do novo pacto prodúcese logo do acordo unánime coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CSIF, CCOO e UGT), permitindo avanzar na consolidación dos dereitos do persoal temporal do Servizo Galego de Saúde, en aspectos tan destacados como a conciliación da vida laboral e familiar, a protección da maternidade, a transparencia e publicidade dos criterios de xestión ou na selección de persoal licenciado sanitario.

Como principal novidade, o pacto incorpora a posibilidade de ofertar contratacións por medios telemáticos. Ata agora só existía o chamamento telefónico. Isto levará aparellado un importante desenvolvemento técnico, cuns prazos progresivos de entrada en funcionamento.

Esta novidade dotará o proceso de contratación temporal dunha maior axilidade e celeridade, buscando acadar unha pronta resposta ás necesidades asistenciais que xurdan, ao tempo que se consegue unha maior comodidade para os aspirantes.

Cómpre destacar que no ano 2025 había 97.830 profesionais inscritos no sistema de listaxes, dos cales 14.605 eran novas inscricións respecto do ciclo anual anterior. Formalizáronse no Servizo Galego de Saúde durante o pasado ano 279.303 contratos.

Con esta sinatura do novo pacto, a Administración procederá a iniciar as actuacións precisas para a aprobación, a súa publicación e posterior entrada en vigor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026