A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co persoal da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza
Ángeles Vázquez salienta o papel da Unidade especializada de axentes medioambientais para velar pola protección e conservación do patrimonio natural
Sinala que este equipo abordará determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren dunha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares
Esta brigada móbil, que actuará en toda Galicia e estará composta por 8 axentes, encargarse de investigar, coordinar e intervir no eido das infraccións relativas á conservación natural, á caza e á pesca e á detección do uso ilegal de velenos
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o papel da Unidade de Investigación para a Conservación da Natureza (Uicon) para velar pola protección e preservación do patrimonio natural galego.
Durante un encontro que mantivo esta mañá cos axentes medioambientais que forman parte desta unidade, a conselleira incidiu na importancia de que Galicia conte xa cun equipo “especializado e altamente cualificado” para indagar e perseguir actuacións que poñan en risco a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.
Logo de indicar que Galicia será unha das primeiras comunidades en contar cunha unidade destas características, a conselleira sinalou que este equipo abordará determinadas materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren unha especial dedicación, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares. Ademais, deben facerse de forma coordinada e cunha estratexia única en todo o territorio, polo que esta unidade actuará en toda a Comunidade.
Nesa liña, o labor desta brigada móbil, composta inicialmente por oito axentes medioambientais, consistirá na investigación, coordinación e intervención inmediata ante situacións relacionadas cos seguintes ámbitos: detección de uso ilegal de velenos, infraccións na caza de especies silvestres, na pesca continental e na conservación natural cando así o requira a urxencia, relevancia ou especialidade dos feitos.
Ángeles Vázquez engadiu que esta unidade complementará “o gran traballo” que desenvolven os 165 axentes adscritos á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e que son “o mellor exemplo da Galicia calidade” polo seu labor velando pola conservación do patrimonio natural e a aplicación da normativa vixente. Así, exercen sobre o terreo funcións de policía, custodia e vixilancia dos bens de natureza ambiental e asumen un papel activo en moitas das accións impulsadas para garantir a preservación da Galicia verde.