Belén do Campo visitou en Miño a mellora paisaxística e de recuperación ambiental da praia de Perbes realizada cunha axuda da Xunta de máis de 45.000 €

A delegada da Xunta destacou que esta é a segunda convocatoria deste programa e que este ano se simplificaron os trámites, ampliáronse os prazos de execución e xustificación e introdúcense melloras como a posibilidade de solicitar anticipos, co obxectivo de facilitar a participación dos concellos

Miño (A Coruña), 18 de marzo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, visitou a actuación de mellora paisaxística da contorna da praia de Perbes e a recuperación ambiental e acondicionamento dos seus accesos, unha intervención orientada á prevención de riscos asociados ao cambio climático.

O proxecto contou cun investimento de case 70.000 euros, dos que a Xunta achegou máis de 45.000 euros a través da liña de axudas a entidades locais para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos, así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade.

Durante a visita, a representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención supón un paso importante para garantir a conservación do contorno natural, mellorar a experiencia das persoas usuarias da praia e potenciar a conectividade entre o medio urbano e o periurbano. As actuacións realizadas inclúen a eliminación e control de especies exóticas invasoras, especialmente a cana común, para favorecer a biodiversidade. Ademais, no acceso norte á praia acondicionouse unha plataforma de madeira de 50 m² que permite absorber diferenzas de cota e integrar visualmente o acceso coa paisaxe, ao tempo que se crean espazos de estancia respectuosos co medio ambiente, con plataformas de madeira con asentos incorporados, que permiten gozar do contorno natural de forma cómoda e sostible.

No acceso sur, mellorouse o pavimento e instalouse un banco corrido de madeira que garante funcionalidade e coherencia coa estética da contorna, mentres que se incorporaron medidas para reducir o consumo de auga, como a substitución das duchas existentes por lavapés. O deseño dos espazos de estancia segue liñas de integración paisaxística, tomando como referencia solucións de éxito noutros proxectos, como o Parque do Lago da Cidade da Cultura.

Belén do Campo subliñou que esta actuación reflicte o compromiso da Xunta coa conservación do medio natural, a calidade dos espazos públicos e a promoción dun turismo sostible, ao tempo que mellora a accesibilidade e a experiencia de visitar a praia de Perbes para veciños e turistas.

A delegada tamén destacou que en 2025, o primeiro ano no que se convocou esta orde, resultaron beneficiados en Galicia 35 concellos, esgotando os 2 millóns de euros de orzamento dispoñible. De todos eles, 11 concellos pertencían á provincia da Coruña e recibiron achegas por un importe de case 630.000 euros e, na comarca de Betanzos, os municipios beneficiarios foron Abegondo, Bergondo e Miño, con achegas por un importe de máis de 149.000 euros.

Orde 2026

No marco desta visita, a delegada informou tamén de que a Xunta destina en 2026 outros 2 millóns de euros á nova convocatoria de axudas, en concorrencia non competitiva, para que os concellos impulsen proxectos que empreguen solucións naturais para facer fronte ao quecemento global e crear refuxios climáticos en espazos urbanos e periurbanos.

Belén do Campo explicou que esta axuda cubrirá o 80 % dos custos dos proxectos presentados de forma individual por calquera concello, cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por cada entidade local. Así, segundo destacou a delegada, un concello podería obter ata 180.000 euros de financiamento no caso de presentar tres proxectos e acadar a máxima contía subvencionable. Indicou tamén que as actuacións subvencionadas poderán executarse ata o 30 de novembro deste ano e xustificarse ata o 9 de decembro de 2026.

Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións para aumentar as zonas verdes, reducir a impermeabilidade do solo, implantar xardíns verticais ou cubertas verdes, restaurar zonas húmidas, crear láminas de auga ou identificar e acondicionar refuxios climáticos e corredores ecolóxicos.

A delegada destacou que esta é a segunda convocatoria deste programa e que este ano se simplificaron os trámites, ampliáronse os prazos de execución e xustificación e introdúcense melloras como a posibilidade de solicitar anticipos, co obxectivo de facilitar a participación dos concellos.

Para rematar, lembrou que “como administración máis próxima á cidadanía, os concellos teñen un papel clave na acción climática, xa que as actuacións que se desenvolven a nivel local teñen tamén un impacto moi positivo a escala global”.

Con esta liña de axudas, o Goberno galego consolida a súa aposta por converter os concellos en lugares máis verdes, adaptados ao cambio climático e cunha mellor calidade de vida, consolidando Galicia como refuxio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/03/2026