O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, reuníronse cos responsables das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco e a de facultativos de atención primaria
A Xunta lamenta que tres días de folga contra o Estatuto Marco do Goberno central supuxeran máis de 21.000 actos médicos suspendidos
Destaca o especial impacto que están a ter os paros na atención hospitalaria
Entre as xornadas do luns, martes e mércores, tiveron que ser suspendidas 673 cirurxías, 18.611 consultas hospitalarias e 1.945 probas
O total de actos médicos non realizados esta semana, incluíndo as consultas de atención primaria, ascenden a 34.640
A Consellería de Sanidade insiste na necesidade de que o Goberno de España teña en conta as peculiaridades do persoal facultativo e as aborde cos médicos nun marco de negociación específico
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, lamentou a suspensión esta semana de 21.229 actos médicos en atención hospitalaria durante tres días de folga contra a reforma do Estatuto Marco que promove o Goberno central.
O xerente do Servizo Galego de Saúde, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, mantivo unha nova reunión cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da confluencia da folga contra o Estatuto Marco e a de atención primaria convocada polo sindicato O’Mega.
José Ramón Parada destacou a especial afectación da folga en atención hospitalaria, coa anulación de 673 cirurxías, 18.611 consultas e 1.945 probas entre as xornadas de luns, martes e mércores.
Incluíndo as máis de 12.000 consultas de atención primaria suspendidas, esta semana os paros non permitiron realizar un total de 34.640 actos médicos.
O xerente do Servizo Galego de Saúde trasladou os datos de seguimento da folga na xornada deste venres, cunha maior incidencia nos 14 hospitais públicos. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acadou o 27,5 % mentres que o seguimento no Hospital Público de Barbanza foi do 5,88 %.
En cambio, en atención primaria o maior seguimento na xornada de hoxe foi o da área de Ferrol, cun 11,72 %, e o menor, o de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cun 2,15 %.
Na súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas reiteraron a necesidade de que o Ministerio de Sanidade teña en conta as peculiaridades do persoal facultativo e as aborde cos médicos nun marco específico.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade está a negociar unha reforma global da atención primaria con cinco formacións sindicais que mostran a súa vontade de chegar a acordos en prol da sanidade pública.