A Xunta amplía ata o mércores o prazo de solicitudes para participar na segunda edición de Campa 360

O programa ofrece propostas formativas e de lecer nos fins de semana de abril e maio para a mocidade galega entre 12 e 17 anos 

As persoas interesadas poden enviar a súa solicitude a través do formulario  dispoñible na web de Xuventude

Os participantes tratarán temas como a innovación, a conservación da natureza, as actividades náuticas e a posta en valor dos oficios tradicionais no rural

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia amplía o prazo de solicitudes para participar en Campas 360, o programa de educación non formal mediante o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece actividades formativas e de lecer en fins de semana de abril e maio para mocidade de 12 a 17 anos.

Así, a rapazada interesada poderá enviar a súa solicitude ata o mércores 25 de marzo ás 22:00 horas mediante o formulario de inscrición dispoñible na web de Xuventude. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de recepción e inclúen aloxamento en albergue xuvenil ou granxa escola, a manutención completa neste período e o programa de actividades, co equipo responsable e o material preciso para o seu desenvolvemento. 

Cómpre lembrar que a Consellería  de Cultura, Lingua e Xuventude oferta 280 prazas en nove quendas mediante catro programas. O primeiro deles será Campas 360 Innovación e Aventura, que se celebrará no albergue xuvenil Lug II, en Lugo e busca fomentar as competencias tecnolóxicas e creativas a través do deseño e impresión 3D, a iniciación á realidade virtual, ferramentas de programación de IA e técnicas de corte por láser, combinando aprendizaxe práctica con innovación. A segunda proposta Brigada Emprendora, que se celebrará no Albergue Xuvenil Marina Española, en Sada, ten como obxectivo propoñer solucións innovadoras para mellorar a prevención e xestión de incendios.

Os participantes da terceira iniciativa no Albergue Xuvenil As Sinas, en Vilanova de Arousa, baixo o título Náufragos 360, adquirirán dun xeito didáctico e ameno coñecementos do medio natural e da súa importancia. Por último, Campas 360 Oficios Tradicionais, que se celebra en distintas granxa escolas de Pontevedra, pretende fomentar na mocidade o coñecemento cultural e etnográfico en contornas rurais, mesturando a promoción dos oficios tradicionais con actividades lúdicas e deportivas.

Data de actualización: 22/03/2026