Rueda aborda posibles alianzas cos Países Baixos nun encontro co embaixador Roel Nieuwenkamp

O presidente da Xunta analizou as relacións comerciais co representante en España do país neerlandés, ao que exportaron en 2025 máis de 500 empresas galegas

Sinalaron a oportunidade que supón o Xacobeo 2027 para seguir impulsando o turismo cara a Galicia

O ano pasado rexistráronse na comunidade máis de 64.000 viaxeiros procedentes dos Países Baixos e a cifra récord de preto de 114.000 pernoitas

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co embaixador dos Países Baixos en España, Roel Nieuwenkamp, no que abordaron posibles alianzas entre ambos territorios en eidos como a industria e o turismo.

No encontro, no que participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, púxose de relevo que Galicia conta cun ecosistema competitivo en sectores como a automoción, as enerxías renovables, a biotecnoloxía e a economía marítima. Neste contexto, salientouse a importancia de potenciar contactos entre empresas, portos, universidades e centros tecnolóxicos, entre outros.

Cómpre salientar que no ano 2025, exportaron a Países Baixos un total de 512 empresas galegas, das cales 301 son exportadoras regulares (exportaron cada ano ao longo dos catro últimos consecutivos).

Na xuntanza sinalouse tamén a oportunidade que supón o Xacobeo 2027 para seguir impulsando o turismo cara a Galicia, que esperta un interese crecente nos Países Baixos. Así, no 2025 expedíronse 6.745 compostelas a peregrinos neerlandeses, un 3 % máis que no 2024.

Ademais, o pasado ano rexistráronse máis de 64.000 viaxeiros en Galicia procedentes dos Países Baixos e preto de 114.000 pernoitas de cidadáns con esta orixe nos aloxamentos colectivos de Galicia, a cifra máis alta de cando menos os últimos 15 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2026