A Xunta adxudica por 1,4 M€ equipos de radioloxía con destino aos servizos de radiodiagnóstico dos hospitais das sete áreas sanitarias

Os principais usos destes equipos son as probas con contraste en uroloxía e nas probas dixestivas, entre outros

Dotarase cada unha das áreas sanitarias dunha sala de radioloxía especial que permite obter imaxes dinámicas do corpo en movemento

Dispoñen de funcionamento dixital, o que supón un gran salto tecnolóxico con respecto aos equipos actuais, especialmente en calidade de imaxe e redución de doses

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de adxudicarlle á empresa Radiología S.A., o subministro de telemandos para os servizos de radiodiagnóstico das sete áreas sanitarias por un importe de 1.455.146 euros.

A través deste contrato, dotarase aos hospitais principais das sete áreas sanitarias dunha sala de radioloxía especial que permite obter imaxes dinámicas do corpo en movemento, con axuda de diferentes tipos de contrastes.

Os principais usos destes equipos son as probas con contraste en uroloxía (urografías e cistografías); a histerosalpingografía, para ver a permeabilidade das trompas con contraste iodado; e as probas dixestivas (estudos de deglutición, refluxo e tránsito gastrointestinal).

Estes novos equipos terán un funcionamento completamente dixital, o que supón un gran salto tecnolóxico con respecto aos equipos actuais, especialmente en calidade de imaxe, redución de doses e facilidade de uso.

Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, mellorando a atención sanitaria coa adquisición de novo equipamento para os servizos de radiodiagnóstico.

Este equipamento poñerase á disposición do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, do Hospital Universitario Lucus Augusti, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, do Hospital Montecelo de Pontevedra e do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Data de actualización: 23/03/2026