A directora xeral de Patrimonio Natural participou na inauguración das X Xornadas de estudo e investigación do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas

A Xunta salienta a investigación como peza clave para garantir a protección e conservación do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A décima edición destas xornadas supón a consolidación dun modelo de divulgación científica continuado e aberto á cidadanía para mostrar que o traballo dos investigadores se traduce en accións concretas e reais de protección

Presentaranse 20 comunicacións de varios ámbitos de traballo como fauna mariña a aves, especies invasoras, ecosistemas mariños e biodiversidade sublitoral, cambio climático e tecnoloxía, e patrimonio cultural

Vigo, 23 de marzo de 2026

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, salientou hoxe a investigación como peza clave para garantir a protección e conservación dos valores ambientais, culturais, patrimoniais e paisaxísticos do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Durante a inauguración da décima edición das xornadas de estudo e investigación do Parque Nacional, Marisol Díaz indicou que o intercambio de coñecemento entre o ámbito científico e a xestión ambiental, así como a súa divulgación á cidadanía, é fundamental para avanzar na preservación deste espazo natural.

Estas xornadas supoñen, ademais, segundo subliñou a directora xeral, a consolidación dun modelo de divulgación científica continuado e aberto á cidadanía para mostrar que o traballo de investigadores, técnicos de campo ou xestores se traduce en accións concretas e reais de protección.

Así, nas xornadas que se celebrarán hoxe e mañá, presentaranse 20 comunicacións que abranguen varios ámbitos de traballo agrupados en seis bloques temáticos: fauna mariña a aves; especies invasoras e control de fauna; ecosistemas mariños e biodiversidade sublitoral; biodiversidade terrestre e hábitats; cambio climático e tecnoloxía, e patrimonio cultural.

Así, no eido da fauna mariña e as aves, abórdase o seguimento que se está a facer de gaivotas patiamarelas mediante GPS; a telemetría acústica de peixes costeiros e elasmobranquios; ou a dinámica poboacional do bolo como especie clave na rede trófica.

No que atinxe aos ecosistemas mariños e terrestres, á biodiversidade e aos hábitats, daranse a coñecer traballos sobre a propagación e reintrodución da Luminaria e a situación da alga invasora Rugulopteryx okamurae nas Rías Baixas. Neste eido, a directora xeral fixo fincapé no proxecto Cabalga, destinado á recuperación de gorgonias na illa de Sálvora, por ser un bo exemplo de colaboración entre investigación científica, pesca artesanal e sector social, ao contar coa participación da asociación Amicos. “Trátase dun enfoque innovador na xestión de áreas mariñas protexidas”, dixo.

A maiores, tamén se presentarán comunicacións sobre a produción de Corema album para a recuperación dunar; a orixe xenética dos coellos das illas; a saúde fitosanitaria das masas arbóreas; a presentación dunha guía de identificación de líquenes costeiros, e a estratexia transnacional do LIFE Global para a restauración de hábitats Rede Natura 2000.

Nese senso, nas xornadas préstase especial atención ao control de fauna e á situación das especies invasoras. En concreto, hai tres presentacións sobre a detección de visón americano mediante fototrampeo, o monitoreo a longo prazo de ratas e a erradicación de plantas invasoras no marco do programa LIFE Insular.

Nesta edición, tamén se analizará a adaptación ao cambio climático abordando a rede de estacións de MeteoGalicia como ferramenta de vixilancia e a aplicación de novas tecnoloxías como o proxecto Atlantilus de monitorización remota con vídeo autónomo e sensorización intelixente.

Para concluír a directora xeral puxo en valor que “estas xornadas demostran que o noso Parque Nacional, ademais dun espazo natural de beleza excepcional, é o mellor laboratorio par apoñer en práctica estratexias de conservación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/03/2026