A II Feira Educativa de Ourense pon a disposición do alumnado información para decidir o seu futuro
A cita, que se celebrará o mércores e o xoves, achega aos rapaces a oferta de FP e das tres universidades galegas, así como os proxectos de colexios e institutos
Forma parte do calendario de feiras Galicia Educa, unha iniciativa da Xunta de Galicia que engloba 16 eventos ao longo do curso en diferentes zonas da Comunidade
Ourense, 23 de marzo de 2026
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na presentación da II Feira Educativa de Ourense, xunto co vicepresidente segundo da Deputación, César Fernandez, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez; un encontro de ámbito provincial que terá lugar o mércores e xoves desta semana. Este evento, organizado pola Xunta, a Deputación e Expourense, está integrado no calendario de feiras Galicia Educa impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e configúrase como un espazo para a orientación académica e profesional.
Durante a presentación, Judith Fernández sinalou a feira como “un espazo vivo de encontro, inspiración e descubrimento” e animou ao estudantado a achegarse aos distintos stands da feira, onde poderán recibir información e asesoramento directo sobre as distintas opcións formativas. “Trátase dunha oportunidade para achegarse, de maneira directa e significativa, ás múltiples posibilidades que se abren no seu futuro académico e profesional”, sinalou. A directora xeral convidou tamén ao conxunto da cidadanía a visitar este encontro, destacando que permite descubrir “a capacidade innovadora e o bo facer dos centros escolares”.
A feira contará cun espazo específico da Formación Profesional co Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como eixo vertebrador. Ademais, estarán presentes as tres universidades públicas galegas e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, entre outras entidades. Este contacto directo coa realidade da oferta educativa facilita unha toma de decisións máis consciente, conectando intereses persoais coas oportunidades educativas existentes.
Ademais, participan tamén centros educativos da provincia como os colexios Plurilingüe Irmáns Villar (Ourense), Virxe de Covadonga (Ourense) e Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), o Colexio Rural Agrupado Amencer (Ribadavia), os institutos Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova), Xesús Ferro Couselo (Ourense), Otero Pedrayo (Ourense) e Universidade Laboral (Ourense), xunto co Centro Residencial Docente e unha mostra de recursos educativos en préstamo do Centro de Formación e Recursos de Ourense.
A través dos seus stands, os centros amosan a realidade viva das aulas, evidenciando a calidade educativa da provincia, o compromiso do profesorado e a riqueza de propostas pedagóxicas que se desenvolven no día a día. Entre elas amosaranse iniciativas que impulsan o desenvolvemento da competencia matemática, propostas inclusivas que garanten unha atención á diversidade real, proxectos de radio escolar, experiencias de mediación que fortalecen a convivencia e propostas STEAM que integran ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Galicia Educa
A cita ourensá desenvolverase en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas na primeira xornada e durante a mañá na segunda. Forma parte do calendario de feiras Galicia Educa, unha iniciativa da Xunta de Galicia que engloba 16 eventos ao longo do curso en diferentes ámbitos territoriais (autonómico, provincial, comarcal e local) co obxectivo de mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado e dar visibilidade ao traballo dos centros educativos.