O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases que regulan este procedemento

A Xunta convoca o concerto social para o desenvolvemento do programa de acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva

Invístense tres millóns de euros ata mediados do ano 2029 en dar continuidade a esta iniciativa pioneira en marcha desde fai tres anos

Nesta modalidade de acollemento participan fogares nos que, polo menos, un dos membros dispón de cualificación, experiencia profesional ou formación específica neste ámbito

A familia acolledora recibe unha compensación económica de 1.500 euros ao mes

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia destinará máis de tres millóns de euros ata mediados do ano 2029 no programa de promoción e apoio ao acollemento familiar especializado con dedicación exclusiva de nenos, nenas e adolescentes en situación de desprotección. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do concerto social para a asignación desta iniciativa pioneira que a Xunta puxo en marcha fai tres anos e que nestes momentos desenvolve Aldeas Infantiles.

Esta modalidade de acollemento está pensada para menores do sistema de protección autonómico que, polas súas circunstancias e necesidades, non poden permanecer nos seus fogares cos seus proxenitores. Son nenas, nenos e adolescentes que precisan dunha atención especial, de plena dispoñibilidade e estar integrados nun fogar para garantir un entorno afectivo e social que posibilite en maior medida o seu axeitado desenvolvemento tanto físico como emocional.

Neste tipo de acollemento, a garda exércese na vivenda dunha familia e ten o matiz de especializado porque algún dos membros debe dispoñer da cualificación, da experiencia profesional ou da formación específica para desenvolver este labor. Ademais, o desempeño desta función realízase con dedicación exclusiva por parte da persoa acolledora, polo que resulta incompatible con outra actividade laboral.

Así mesmo, pola dedicación exclusiva que implica este programa, a familia recibirá unha compensación económica de 1.500 euros ao mes. Tamén se cubrirán os gastos básicos e de manutención do menor, ao igual que sucede co resto de familias acolledoras.

A entidade á que se lle asigne este concerto social será a encargada de seleccionar as familias acolledoras, de formalas e de apoialas en todo o que necesiten, así como de facer un seguimento do acollemento. As solicitudes de participación nesta convocatoria deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo para presentar as propostas é dun mes, contado a partir de mañá.

Esta iniciativa está cofinanciada pola Unión Europea (UE) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 24/03/2026