O conselleiro de Sanidade resaltou, no Pleno do Parlamento, que a Xunta eleva ao máximo rango normativo a prevención e a protección do persoal do sistema galego de saúde fronte ás agresións
Gómez Caamaño destaca a modificación da Lei de saúde de Galicia como declaración firme do apoio e da protección integral da Xunta aos profesionais da sanidade fronte ás agresións
Subliña que Galicia é a primeira comunidade de España en ampliar a protección a técnicos de emerxencias sanitarias e do 061
Remarca a incorporación de novas formas de violencia como a dixital ou o ciberacoso e a inclusión como condutas sancionables as que se producen fóra dos centros sanitarios
Tómanse novas medidas de protección como a posibilidade de cambiar de profesional ou de centro de saúde á persoa infractora
A Xunta concibe o respecto aos profesionais da sanidade como condición imprescindible para o bo funcionamento do sistema de saúde
Hoxe a Consellería de Sanidade acolleu unha reunión con interlocutores policiais sanitarios co fin de avanzar no reforzo da protección do persoal dos servizos sanitarios fronte ás agresións
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recalcou a modificación da Lei de saúde de Galicia como firme declaración do apoio e da protección integral da Xunta aos profesionais da sanidade fronte ás agresións.
Así o indicou no Pleno do Parlamento no que hoxe se aprobou a modificación promovida pola Consellería de Sanidade. Na súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu as achegas realizadas polos grupos parlamentarios durante a tramitación da lei para “avanzar na protección das persoas que cada día sosteñen co seu traballo o noso sistema sanitario”.
O conselleiro de Sanidade mencionou os avances máis relevantes que introduce a Xunta na prevención e protección do persoal da sanidade ante agresións, físicas ou verbais, en relación co exercicio da súa función.
En primeiro lugar, resaltou a ampliación da definición de profesional do ámbito sanitario, de forma que a protección non se limita a persoal estritamente asistencial.
Neste sentido, Galicia será a primeira comunidade do Estado en incluír sancións por agresións aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061. Gómez Caamaño citou tamén, ademais do persoal de transporte sanitario, a inclusión do “persoal de administración, admisión, inspección ou calquera outra actividade relacionada coa asistencia”.
A modificación da Lei de Saúde de Galicia incorpora, ademais, novas formas de violencia como a violencia dixital, o acoso ou o ciberacoso contra profesionais da sanidade. Téñense en conta de forma innovadora tamén as agresións que se producen fóra dos recintos sanitarios.
A norma promovida polo Goberno galego estende as medidas de prevención e protección a todo o sistema sanitario, sexa persoal público ou privado.
Novas accións de protección
Gómez Caamaño enumerou no Pleno do Parlamento medidas innovadoras que recolle a lei para previr agresións contra o persoal da sanidade.
Para protexer a vítima, contémplase a posibilidade de cambiar a persoa infractora, tanto de profesional como de centro sanitario. Ademais, se así o solicita a vítima, garántese a súa mobilidade laboral.
Noutra situación, cando o paciente realice gravacións en consulta sen consentimento do profesional, poderá suspender a asistencia deixando constancia deste feito na historia clínica do paciente e garantindo a súa atención.
Ademais de establecer sancións, a lei céntrase no reforzo da prevención, a formación e a protección das vítimas. “Está previsto desenvolver o Plan de prevención contra a violencia no ámbito sanitario e a creación do Rexistro galego de actos de violencia externa no ámbito sanitario”, adiantou Gómez Caamaño en referencia ás ferramentas que permitan coñecer mellor a dimensión do problema das agresións.
A Xunta eleva ao máximo rango normativo, a rango de lei, a prevención e protección fronte ás agresións a todo o persoal do sistema galego de saúde. A nova lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Reunión interlocutor policial sanitario
Paralelamente ao debate e aprobación da lei no Parlamento galego, esta mañá o salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu unha xuntanza entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e responsables de recursos humanos das áreas do Servizo Galego de Saúde co fin de avanzar no reforzo da protección do persoal dos servizos sanitarios fronte ás agresións.
Membros da Garda Civil e da Policía Nacional designados interlocutores policiais sanitarios actúan como coordinadores de violencia de cada unha das sete áreas sanitarias, xunto co con persoal directivo do Servizo Galego de Saúde.
Entre outras accións, estes interlocutores realizan xornadas de formación e información aos profesionais, xunto ás unidades de prevención de riscos laborais.