O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP comparece a petición propia no Parlamento para dar conta dos avances no modelo de Formación Profesional galega

Román Rodríguez anuncia que o novo programa para reducir o abandono escolar centrado nos mozos chegará a 10.000 persoas

‘Cualifica Talento’ procurará que as persoas de entre 18 e 24 anos sen estudos secundarios se incorporen á FP ou á formación para adultos e de idiomas

Búscase así reducir o abandono escolar especialmente no colectivo masculino, dado que esta situación afecta case o dobre aos homes (13,5%) que ás mulleres (7,2%)

O conselleiro de Educación destaca un investimento récord nestas ensinanzas, con máis de 1.500 M€ desde 2022, cando se aprobou a actual Estratexia da FP galega

Salienta que o 96% dos fondos que se destinan este ano son autonómicos e lamenta que o Goberno central esqueza a FP ao acabar os fondos europeos extraordinarios

Sinala que o novo decreto permite, unha vez máis, situarnos á vangarda en España nesta materia, modernizando un sistema referente como marca Galicia Calidade

Avanza que nesta lexislatura se creará o primeiro título de FP con carácter internacional e que os universitarios que estuden FP poderán convalidar créditos

Galicia converterase este ano na única comunidade en ter un decreto de propiedade intelectual para protexer e aproveitar os proxectos de innovación na FP

O proxecto Xeniagal incorporará a intelixencia artificial para xerar prácticas en contornas realistas e inmersivas e crear un sistema intelixente de orientación

Galicia é a segunda comunidade con máis alumnado matriculado en FP en relación ao total da poboación escolar e o 85% deles estuda en centros públicos

O 26,6% dos galegos ten un título de FP fronte ao 22,5% de media en toda España

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o novo programa formativo para reducir o abandono escolar centrado nos mozos de 18 a 24 anos terá un impacto directo case inmediato en máis de 10.000 persoas. Fíxoo durante unha comparecencia a petición propia no Pleno, onde deu conta dos avances no modelo de Formación Profesional galega e abordou os vindeiros pasos de modernización a seguir, unha vez se poña en marcha o novo decreto que regula estas ensinanzas.

Tal e como explicou, Cualifica Talento -como se denominará esta nova iniciativa- estará dirixido fundamentalmente a rapaces que non contan con estudos secundarios. Este enfoque débese a que taxa de abandono escolar afecta actualmente case o dobre aos homes que ás mulleres, en concreto un 13,5% fronte ao 7,2%. “Debemos desenvolver sobre o colectivo masculino accións específicas para reducir o abandono”, declarou o conselleiro, quen lembrou, non obstante, que Galicia é unha das comunidades con menor abandono escolar, un 10,4% fronte á media estatal do 12,8%. Isto é posible grazas a unha redución de máis de 15 puntos desde o ano 2009.

O obxectivo establecido por Román Rodríguez na comparecencia é que xa no vindeiro curso 2026-2027 polo menos un 20% deles –arredor de 2.000 persoas– se integre en programas formativos adaptados ás súas preferencias, incluíndo a FP Básica, os ciclos de grao medio, as ensinanzas de adultos ou a formación lingüística para estranxeiros.

Procurarase así mellorar a formación destes mozos, orientalos e facilitar a súa integración no mercado laboral. “En definitiva seguir consolidando os sinais de identidade da Formación Profesional galega: prestixio, confianza, utilidade e, tamén, oportunidades para todas as persoas”, afirmou Román Rodríguez no Pleno.

A medida enmárcase no Plan FPGal360, a través do que se está a reforzar a información e a orientación profesional integral. Este eido é, de feito, un dos principais eixes de actuación do novo decreto de FP, que incluirá, por exemplo, a posta en marcha dun novo itinerario integrado que lles permita aos alumnos de FP Básica continuar de forma directa cara un ciclo de grao medio sen necesidade de realizar unha nova solicitude.

Investimento récord e políticas estables

“Non é casualidade que o sistema de Formación Profesional sexa hoxe un exemplo da marca Galicia Calidade”, destacou o conselleiro, sinalando que este modelo “é froito de políticas estables desde hai case 20 anos e dun compromiso vixente, que intensificamos esta lexislatura e que reafirmamos, agora cun novo decreto co que consolidamos toda unha senda de éxitos abrindo as portas á FP do futuro”.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor a planificación destas ensinanzas a través da Estratexia galega de Formación Profesional, no marco da que se mobilizaron desde 2022 máis de 1.500 M€, un investimento récord. “Ano a ano renóvase o esforzo neste eido, garantindo estabilidade, planificación e máis oportunidades para o alumnado e para o tecido produtivo”, remarcou.

A este respecto cómpre sinalar que, dos case 307 M€ que se destinan nos Orzamentos de 2026 á FP galega, o 96% son fondos propios da Xunta, o que demostra o compromiso do Goberno galego con estas ensinanzas. Nese senso, lamentou que unha vez “esgotados os fondos extraordinarios europeos, desapareceron as transferencias vinculadas ao impulso da Formación Profesional por parte do Goberno central”.

Medidas relevantes no novo decreto

No que atinxe ao novo decreto que regula a FP en Galicia, o conselleiro explicou que en Galicia “sempre fomos un paso por diante e agora damos un salto máis”, destacou, sinalando que o novo texto “recolle as liñas que definirán a FP do futuro” cunha máxima expresada por Román Rodríguez: “A formación non pode ir por detrás da economía”.

O novo marco para a nosa Comunidade susténtase en cinco eixos de actuación: unha oferta formativa máis especializada e flexible, o reforzo da conexión co tecido produtivo e a colaboración público-privada, o impulso á innovación, e orientación profesional integral e o apoio a quen máis o necesita e o avance na internacionalización.

Entre as medidas concretas, salientou a consolidación da FP Acelerada, que permite obter unha certificación profesional oficial nun tempo reducido, a incorporación de tres novas figuras docentes similares á de profesor asociado universitario ou o deseño de currículos de carácter internacional. De feito, avanzou que xa se está traballando para poñer en marcha o primeiro nesta lexislatura mediante a sinatura de convenios con organismos exteriores. Así mesmo, crearanse itinerarios formativos bidireccionais que conecten a FP e a Universidade, co obxectivo de que se poidan convalidar os primeiros créditos universitarios para acceder á FP xa no curso 2026/27. Desa forma, darase resposta ao 15% do alumnado que chega á FP despois de pasar pola Universidade.

No que atinxe á innovación, crearase a primeira rede galega de centros de innovación avanzada e promoveranse novos espazos de tecnoloxías avanzadas que sexan promotores de creación de polos tecnolóxicos. Ademais, aprobarase este ano un decreto específico para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos dentro do sistema, o que levará a Galicia a converterse na primeira comunidade autónoma cun marco normativo propio para este ámbito.

A maiores, presentouse á convocatoria de Compra Pública de Innovación –actualmente pendente de resolución– o proxecto Xeniagal. Trátase dunha iniciativa estratéxica para transformar a FP a través da intelixencia artificial atendendo a tres retos específicos: a xeración automática de experiencias reais para o alumnado, prácticas en contornas realistas e inmersivas e a creación dun sistema intelixente de orientación.

Datos dun modelo de éxito

Román Rodríguez detallou algunhas das cifras que avalan o modelo de éxito da FP galega, como o incremento da matrícula ata os 71.229 alumnos actuais, o dobre dos que había en 2009. Deles, o 85% deles está matriculado en centros públicos, o que fai de Galicia unha das comunidade con menor ensino privado nestes estudos.

En números globais, a potencia de Galicia en FP reflíctese en datos como que é hoxe a segunda comunidade con máis alumnado matriculado en FP en relación ao total da poboación escolar. De feito, dous de cada cinco alumnos que rematan a ESO escollen FP e o 26,6% dos galegos ten un título relacionado con estas ensinanzas fronte ao 22,5% estatal. No que respecta á oferta, medran especialmente as ofertas máis novidosas, como os programas de alta especialización, os másteres e a FP Dual Intensiva.

Ademais da confianza dos alumnos e as familias, a Formación Profesional tamén ten a das empresas. Nos últimos cinco anos, máis de 21.500 empresas distintas colaboraron coa FP, acollendo alumnos nas súas instalacións para a formación práctica. Isto tradúcese, ademais, na inserción laboral máis alta da historia nestas ensinanzas, do 85,8%, case 100% na modalidade Dual Intensiva, mentres que no 2009 se situaba no 32,7%.

Ao longo destas dúas últimas décadas de revolución silenciosa da FP, tamén se foi avanzando en materia de innovación. Os centros públicos galegos contan hoxe, con 115 espazos de tecnoloxía aplicada e hai arredor de 650 proxectos innovadores en marcha coa colaboración das empresas e co apoio do centro de referencia, o Centro Galego da Innovación da FP, Eduardo Barreiros, cuxa sede está situada en Ourense.

“Temos ambición para seguir avanzando, para seguir mellorando e para seguir ofrecendo máis oportunidades ás persoas”, incidiu o conselleiro, para facer da FP un verdadeiro motor de progreso e cohesión social no conxunto do noso territorio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026