Profesorado de centros educativos de Zaragoza e Baiona intercambian boas prácticas en innovación e atención á diversidade
O director xeral de Centros da Consellería de Educación recibe a un grupo de docentes dun instituto da localidade de La Almunia de Doña Godina de visita no IES Primeiro de marzo
Baiona (Pontevedra), 24 de marzo de 2026
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, recibiu hoxe a un grupo de docentes de Aragón que está a coñecer o sistema educativo galego nunha visita ao Instituto Primeiro de marzo de Baiona no marco do programa Observa_Acción, de intercambio de boas prácticas entre profesorado en prol da creación dunha rede de aprendizaxe profesional.
Durante a súa estadía entre hoxe e mañá, os tres profesionais do Instituto Cabañas de La Almunia de Doña Godina de Zaragoza achéganse aos principais programas desenvolvidos no ensino da moda Comunidade e, especificamente neste centro educativo, en eidos como a innovación ou a atención á diversidade. Foron os propios alumnos os que exerceron de anfitrións para explicarlles o funcionamento do Clube de ciencias e do Clube de lectura, este último dentro da Biblioteca escolar. Pola súa banda, o departamento de Orientación do instituto explicou as medidas de atención á diversidade postas en marcha polo Goberno galego.
O intercambio completarase en abril, cando un equipo de seis profesores deste centro se desprazarán a Zaragoza para completar a segunda fase de intercambio do Observa_Acción, unha iniciativa que forma parte de Galemundo, o programa de internacionalización do ensino da Xunta de Galicia que permite que máis de 8.300 alumnos e docentes realicen estadías en diferentes países este curso co apoio de distintas convocatorias de bolsas.