A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe en Cambre a actuación que se está a desenvolver na AC-214
A Xunta inviste 10,4 M€ para actuacións de reforzo de firme en estradas autonómicas ao paso por 24 concellos da provincia da Coruña
Allegue subliña a aposta do Goberno galego en materia de seguridade viaria “cunha folla de ruta clara en planificación, conservación e reforzos de firme, que executamos cos correspondentes orzamentos”
Neste ano a conservación e mantemento de estradas conta cun orzamento récord de 71,6M€
En Cambre a Xunta está a actuar en varios treitos ao longo de 5,6km no marco dun proxecto conxunto que abrangue intervencións en estradas en 11 concellos da provincia coruñesa, por 3,4M€
A Administración autonómica licitará nos vindeiros días outras obras de reforzo de firme en 10 estradas de 7 concellos por 3,5M€
A estas actuacións sumaranse tamén as intervencións noutras 8 estradas que atravesan 10 concellos da provincia, por case 3,5M€
Cambre (A Coruña), 24 de marzo de 2026
A Xunta inviste 10,3M€ para actuacións de reforzo de firme en estradas autonómicas ao paso por 24 concellos da provincia da Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe en Cambre a intervención que se está a realizar ao paso da AC-214 e anunciou os próximos proxectos que se executarán na provincia.
Allegue puxo en valor o inxente esforzo da Xunta en materia de conservación e mantemento da rede viaria de 5.500km de estradas para garantir a seguridade: “Temos claro que é importantísimo investir neste eido cunha folla de ruta clara en planificación conservación e reforzos de firme que estamos a executar cos correspondentes orzamentos”. En concreto, neste 2026 a Xunta destina un investimento histórico de 71,6M€ para estas tarefas de conservación e mantemento.
No caso da actuación en Cambre visitada hoxe, forma parte dun proxecto conxunto para actuar en 5 estradas da provincia ao seu paso por 12 concellos (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Cerceda, Curtis, Mesía, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar), cun investimento de 3,3M€. Allegue indicou que a obra en Cambre tivo que ser aprazada con anterioridade a causa dos continuos temporais e acaba de retomarse, “de xeito que agora van a bo ritmo”.
Os traballos na AC-214 en Cambre esténdense en varios treitos ao longo de 5,6km e cun investimento de algo máis de 600.000€ dos citados 3,3M€.
A conselleira indicou que nos vindeiros días se licitarán as obras de reforzo de firme noutras 10 estradas ao paso por 7 concellos da provincia (Betanzos, Bergondo, Sada, Oleiros, Oza-Cesuras, Ordes e Cerceda), ás que o Consello da Xunta deu luz verde o pasado día 16 e que permitirán intervir en case 30 quilómetros de viarios.
E o Executivo autonómico autorizará nos vindeiros días outras novas actuacións por case 3,5M€ para intervir en 8 estradas que transcorren por 10 concellos da provincia (Baña, Zas, Vimianzo, Muxía, Muros, Fisterra, Santa Comba, Cee, Laxe e Cabana de Bergantiños).