A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno do Parlamento

A Xunta defende unha transición enerxética coherente e sen posturas dogmáticas que condenen as empresas e a cidadanía

“As transicións deben ser graduais, e non poden levar a que unha parte da poboación non poida chegar a fin de mes, ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custos enerxéticos”, di

Censura a “oposición sistemática” a calquera proxecto industrial que poida permitir avanzar na descarbonización, e que se fale de sensibilización “mentres se alimenta a desinformación”

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe que a transición enerxética debe ser coherente e compatible coa viabilidade económica dos sectores produtivos, sen posturas dogmáticas que condenen as empresas e a cidadanía.

“Estamos totalmente a favor da transición enerxética e da loita contra o cambio climático, pero as transicións deben ser graduais, e non poden levar a que unha parte da poboación non poida chegar a fin de mes, ou unha parte das empresas non poidan sufragar os custos enerxéticos”, dixo en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento.

Censurou, nesta liña, a “oposición sistemática” a calquera proxecto industrial que poida permitir avanzar na descarbonización, e que se fale de sensibilización “mentres se alimenta a desinformación”. “O mellor plan social que se pode propoñer é que existan industrias onde vaian as persoas a traballar”, manifestou.

Na súa intervención, Lorenzana sinalou, por outra banda, que a transición enerxética en España “require dunha serie de elementos que dependen do Goberno central. “É imposible que esa transición e esa electrificación teñan lugar se non somos quen de reforzar a rede de transporte”, observou, para citar, tamén, os atrasos dos nós de transición xusta.

Neste contexto, a conselleira asegurou que a Xunta vai seguir traballando para atraer máis proxectos industriais a Galicia, especialmente nas zonas máis afectadas polos procesos de transición enerxética ás que o Goberno galego leva destinado máis de 100 millóns de euros en axudas para proxectos de descarbonización e en forma de préstamos parcialmente reembolsables.

Pola súa banda, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) leva investidos case 300 millóns de euros nos últimos catro anos a fomentar a transición enerxética en diversos eidos, como os de promoción das enerxías renovables e autoconsumo, o fomento da eficiencia enerxética ou o paso a unha mobilidade máis eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026