O titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantiveron un encontro coa presidenta da Deputación, Carmela López

A Xunta traslada o compromiso con Lugo en materias como a vivenda, os servizos sociais ou a sanidade nun encontro coa Deputación provincial

O Goberno galego vai habilitar 600 inmobles públicos e habilitar solo residencial para outras 1.200 vivendas na cidade de Lugo

Inviste máis de 33 M€ na ampliación do Hospital da Mariña, onde a segunda fase das obras comezará antes de que remate o ano

A Xunta destina máis de 11 M€ á reforma e construción de tres novas residencias de maiores na provincia

O Goberno autonómico traslada a súa preocupación pola eliminación do nodo enerxético que precisaba a industria da provincia

Ambas administracións reforzarán a súa colaboración na loita contra os incendios forestais

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe un encontro coa presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, co obxectivo de abordar os principais compromisos e investimentos autonómicos na provincia en área como a vivenda, as infraestruturas viarias, os servizos sociais, a educación, a sanidade ou as emerxencias.

Nunha intervención posterior ao encontro, Diego Calvo, trasladou a cordialidade coa que se mantivo a reunión e resaltou que “senta as bases dun marco de colaboración fluído para traballar a favor da provincia de Lugo”.

Anteproxecto de Lei de Administración Local

Na reunión desta tarde, abordouse o anteproxecto de Lei de administración local de Galicia. Tal e como se trasladou durante o encontro, trátase dunha norma aínda en tramitación, polo que está aberta ás achegas construtivas que se poidan facer para enriquecela. En canto ao papel das deputacións que se recolle no texto, Calvo recordou que os entes provinciais son unha peza fundamental do mapa local, e aclarou que o que pretende o texto é unificar a forma de prestar as súas competencias en todo o territorio, así como concretar as súas funcións.

Tal e como explicou o conselleiro de Presidencia, a Xunta comprometeuse na reunión a manter un novo encontro coa Deputación de Lugo despois de Semana Santa para avaliar “as alegacións” que queira presentar ao anteproxecto de Lei.

Vivenda

No eido da vivenda, Calvo destacou que a Xunta está a facer un esforzo moi importante na provincia, en especial no propio concello de Lugo. Así, referiuse as “máis de 600 vivendas públicas” que a Xunta vai habilitar na cidade de Lugo -máis de 460 vivendas protexidas en Garabolos e 137 vivendas resultantes do acordo de cesión de parcelas na rúa Illa Coelleira -onde se situarán 50 aloxamentos compartidos-, Paradai (con 63 vivendas públicas) e Angelo Colocci (con 24 vivendas de promoción pública proxectadas). A elas, hai que sumar o desenvolvemento do solo residencial no Sagrado Corazón, co plan para 1.200 vivendas -actualmente, estanse a estudar as alegacións presentadas ao proxecto-.

A maiores, están en marcha proxectos para rehabilitar o entorno do Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería, que fará posible a construción de 16 vivendas. En relación a outros puntos da provincia, Calvo tamén resaltou a urbanización de solo proxectada para a construción 300 vivendas (80% serán protexidas) no concello de Ribadeo.

Infraestruturas viarias

En materia de estradas, durante o encontro, púxose en valor o esforzo que está acometendo a Xunta na provincia. Entre outras, destacouse o compromiso coa Rolda Leste; o desbloqueo da variante de Viveiro –“cuxas obras poderán comezar esta lexislatura”, indicou Calvo- ou os avances na conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria.

Ademais, a Xunta comprometeuse a “reactivar un grupo de traballo para avaliar” a posibilidade de asumir a titularidade dalgúns treitos de estradas provinciais, tal e como lle trasladou a presidenta da Deputación.

Aposta polos servizos sociais

No ámbito dos servizos sociais, Calvo recordou o esforzo que está facendo a Xunta no financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que suporá un investimento autonómico nos próximos 3 anos nos concellos da provincia de Lugo de máis de 110 millóns de euros; isto é, un incremento de 32,5 millóns.

En canto a atención a maiores, o Goberno galego ten actualmente 7 residencias funcionando na provincia e está investindo, ademais, 11 millóns de euros en reformar e construír outros 3 novos centros. En canto ás infraestruturas promovidas por outras administracións, considerou que as responsables da súa construción e xestión deben ser as entidades que as promoveron.

Sanidade

No encontro, o presidente e o conselleiro tamén puxeron en valor o investimento de 33,5 millóns de euros que está a impulsar a Xunta para a ampliación do Hospital da Mariña. Trátase dunhas obras que se prevé que comecen este mesmo ano e que permitirán incrementar nun 50 % a superficie do centro hospitalario.

Ao respecto da atención sanitaria aos cidadáns, o presidente da Xunta lembrou durante o encontro a falta acusada de profesionais en determinadas especialidades, un problema que debe resolver o Goberno central. Tamén lembrou que as folgas contra o Estatuto Marco promovidas polo Executivo estatal están a causar numerosas xornadas de folga, dificultando o acceso dos cidadáns á sanidade pública.

Plan industrial

No tocante á industria, o Goberno galego reiterou no encontro o seu afán por apoiar todos aqueles proxectos que impulsen o desenvolvemento industrial de Galicia, sempre e cando cumpran con todos os requisitos técnicos e medioambientais. Así, a Xunta trasladou a preocupación porque o Estado eliminase o nodo enerxético necesario na provincia.

Loita contra os lumes forestais

No que respecta ás emerxencias, a Xunta resaltou a “colaboración estreita” entre administracións e trasladou o interese do Goberno autonómico de reforzar este traballo conxunto no caso da loita contra os lumes forestais.

En concreto, a Administración autonómica propuxo a sinatura dun protocolo anual de colaboración similar aos xa asinados coas Deputacións de Ourense e Pontevedra para o desenvolvemento de actuacións conxuntas no ámbito da prevención e da extinción de incendios. Unha base sobre a cal, tal e como apuntou Calvo, poderían establecerse despois convenios entre Xunta e as mancomunidades de concellos da provincia de Lugo para optimizar recursos e reforzar as accións de conservación do monte, prevención e extinción de lumes (como pasa xa en Ourense, onde están adheridas varias mancomunidades). Ademais, tamén se lle solicitou colaboración para que se poida empregar a maquinaria pesada propiedade da Deputación na extinción dos lumes naqueles casos que fora preciso, algo no que houbo disposición por parte da presidenta.

Transporte

No referido ao transporte público, a Xunta trasladou a aposta que está a facer por mellorar as comunicacións e vertebrar o territorio, tamén na provincia de Lugo. Neste sentido recordou que o Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo, en constante adaptación ás necesidades cambiantes das persoas usuarias. A Xunta aposta pola continua mellora deste servizo público colectivo de cara á súa optimización, para o que se realiza un constante seguimento do funcionamento e escoita das suxestións e reclamacións, así como un seguimento e control exhaustivo.

Ensino público

Por último, o ensino público centrou tamén parte das conversas. En canto ao Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Calvo apuntou que foi o segundo en especializarse de toda Galicia e acaba de renovar a súa acreditación, o que supón unha nova inxección económica do Goberno galego, que supera en total os 13,5 M€.  Ademais, aclarou que calquera cambio que se queira acometer no marco do proceso de mellora de titulacións deberá ter sempre o diálogo como base.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026