A representación do Goberno galego correu a cargo da subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, e do xefe de servizo de Prevención de Enfermidades, Ángel Gómez

A Xunta participa no ‘Encontro Interautonómico sobre Cribado de Cancro de Próstata’ destacando o seu liderado neste campo co proxecto piloto PRAISE-U

Este encontro coloca Galicia como referente en saúde pública preventiva entre comunidades, xerando evidencia compartida para un cribado nacional equitativo e eficiente

Ata o momento, o proxecto piloto de cribado na área sanitaria de Ferrol detectou 71 casos de cancro de próstata, cos cales o 81 % son clinicamente significativos

Sen esta iniciativa estes cancros non serían diagnosticados ata máis adiante, en fases máis avanzadas

Madrid, 26 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, participou en Madrid no Encontro Interautonómico sobre Cribado de Cancro de Próstata, onde presentou os resultados do programa piloto PRAISE-U, financiado pola Unión Europea, desenvolvido na área sanitaria de Ferrol desde xuño de 2024.

A representación do Goberno galego correu a cargo da subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, quen participou nunha mesa de debate coa participación de representantes do Ministerio de Sanidade e das comunidades, e na que se falou da identificación de liñas de traballo comúns e próximos pasos. A delegación galega tamén contou coa intervención do xefe de servizo de Prevención de Enfermidades, Ángel Gómez Amorín.

Este programa piloto da Xunta convidou 20.000 homes de 50-69 anos, alcanzando ao redor do 40 % de participación mediante convites sistemáticos por carta e SMS. Este cribado poboacional organizado emprega estratificación de risco individual, permitindo conseguir unha detección precoz e minimizar á vez efectos adversos, como o sobrediagnóstico e o sobretratamento de lesións con baixo potencial de evolucionar ao longo da vida.

Como proba primaria de cribado, os homes son convidados a realizar unha determinación do antíxeno prostático (PSA), tomando a mostra nos seus respectivos centros de saúde. Se o valor está dentro da normalidade, a participación conclúe, pero se é alto, séguese un algoritmo clínico en que o participante pode ser avaliado nunha consulta de uroloxía en poucas semanas, onde se realizan probas complementarias, estimándose o risco usando as calculadoras europeas validadas. En función dos achados, se se considera necesario, secuencialmente prográmanse outras probas máis específicas, como unha resonancia magnética urolóxica ou mesmo unha biopsia.

Galicia compartiu a súa visión na mesa redonda sobre a Mirada ao futuro: colaboración e folla de ruta. Neste senso, ofreceu a súa predisposición a facilitar colaboración interterritorial para informes de custo-efectividade.

Este encontro posiciona Galicia como referente en saúde pública preventiva entre comunidades autónomas, xerando evidencia compartida para un cribado nacional equitativo e eficiente.

Resultados

Os resultados obtidos ata agora por este proxecto piloto de cribado na área sanitaria de Ferrol, cuxa poboación diana inclúe todos os homes residentes nos concellos da área entre 50 e 69 anos, reflicten unha alta aceptación e satisfacción por parte dos participantes.

Ata o momento, detectáronse 71 casos de cancro de próstata, cos cales o 81 % son clinicamente significativos e que, sen esta iniciativa non serían diagnosticados ata máis adiante, en fases máis avanzadas.

O proxecto PRAISE-U conta cun financiamento total de máis de 12 millóns de euros, dos cales 1.362.000 euros se correspondente co piloto que se desenvolve en Ferrol. Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa Horizonte 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026