No marco do Día Mundial da prevención do cancro de colo de útero que se conmemora hoxe, a Consellería de Sanidade destaca os resultados do programa de cribado posto en marcha en 2021

A Xunta diagnostica 105 cancros de colo uterino grazas ao programa de detección precoz, o 75,7 % en fase inicial

Tamén foron detectadas preto de 3.000 lesións precancerosas

A detección temperá mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes

Desde o inicio do programa, a Xunta invitou a participar 397.877 mulleres de toda Galicia e a resposta supera o 62 %

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

O Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, posto en marcha pola Xunta no ano 2021, diagnosticou, ata o 31 de decembro de 2025, un total de 105 cancros, dos que o 75,7 % estaban en fase inicial. Desta forma, o cribado mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes.

A Consellería de Sanidade, coincidindo co Día Mundial da prevención do cancro de colo de útero que se conmemora hoxe, fai balance do programa que a Xunta iniciou na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos no ano 2021 e que, na actualidade, está implantado en toda Galicia.

Dos 105 cancros diagnosticados, 11 corresponden á área sanitaria de Ferrol; 9 á de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 9 á de Pontevedra e O Salnés; 13 á de Coruña e Cee; 21 á de Santiago de Compostela e Barbanza; 28 á de Vigo e 14 á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Desde o comezo do programa, a Consellería de Sanidade invitou a participar a 397.877 mulleres, o que representa preto do 65 % das mulleres de 35 a 65 anos. Destas preto de 400.000 mulleres invitadas, o 62,55 % aceptou participar escollendo no 42,7 % dos casos cita con matronas e no 57,3 % dos casos autotoma.

Ao longo deste ano 2026, a Xunta incorporará ao programa as mulleres de 25 a 35 anos.

Das 248.872 mulleres que participaron, un 6,9 % resultaron positivas a algún xenotipo de alto risco do virus do papiloma humano.

Ademais, no período que vai desde o inicio do programa e ata decembro de 2025, diagnosticáronse e tratáronse preto de 3.000 lesións precancerosas, o que se traduce nun impacto á baixa na incidencia da enfermidade, posto que algunha desas lesións evolucionarían co tempo ata desenvolver un cancro de cérvix.

Como participar

A poboación diana deste cribado son as mulleres de 35 a 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS. As mulleres que aceptan participar poden escoller entre recoller a mostra cun dispositivo de autotoma (que reciben no seu domicilio) ou cita coa matrona para realizar a proba.

A proba primaria de cribado é a detección de infección polo virus de papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Se esta proba é negativa, repetirase aos cinco anos.

Se a proba é positiva, non implica ter cancro necesariamente. É preciso verificar que non existen anomalías nas células, polo que se realizará unha citoloxía. Segundo o xenotipo do virus así como o resultado da citoloxía, estableceranse diferentes actuacións clínicas: seguimento nun período de tempo variable mediante repetición de probas ou derivación a colposcopia para descartar presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo do útero.

Toda muller derivada a colposcopia recibirá, xunto coa cita xestionada polo programa de cribado, unha folla informativa sobre a realización da proba e os posibles resultados.

Unha vez realizada a colposcopia e biopsiadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, faise unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establecerase o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.

No caso de que se detecte algunha lesión premaligna ou cancro, o programa xestiona directamente unha cita no Servizo de Xinecoloxía correspondente.

A Xunta tamén anunciou a finais do pasado ano a extensión do cribado de cancro de cérvix, ademais do de colon, ao conxunto de centros penitenciarios da comunidade galega.

Vacinación

Desde 2008 a Xunta ofrece, no caso das nenas, e desde 2022 en nenos, a vacina fronte ao virus do papiloma humano ao cumpriren os 12 anos. En setembro de 2024, o Executivo galego anticipouse en varios meses ás recomendacións da Comisión Nacional de Saúde Pública e ampliou a vacinación a todos os nenos ata 18 anos. Esta vacinación ampliouse de novo en maio do pasado ano, elevándoa ata os 21 anos.

Data de actualización: 26/03/2026