O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Sergas e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, supervisou as obras de reforma integral dun centro de saúde que atende a preto de 5.000 persoas
Gómez Caamaño avanza a posta en servizo a finais do verán do centro de saúde de Conxo, completamente renovado cun investimento da Xunta de 5,8 M€
O conselleiro subliña que os traballos acadan preto do 70 % de execución e que, tras o remate das obras no mes de xuño, comezará a instalación do mobiliario e do equipamento, no que a Xunta inviste 600.000 euros
Remarca que a reforma permitirá pasar dun espazo asistencial de 400 m2 a un de 1.000 m2 , gañando tres consultas, unha de medicina familiar, unha de enfermería e outra de cirurxía menor
Engade que, cando rematen as obras, a área de saúde mental contará con cinco consultas médicas, tres de psicoloxía, dúas de enfermería e unha sala de técnicas, e crearase unha nova unidade de psicoxeriatría dotada con catro consultas
Agradece a comprensión e a boa disposición dos profesionais e dos pacientes no proceso de traslado temporal da actividade asistencial, que facilitou a execución das obras
Enmarca esta actuación na aposta da Consellería de Sanidade polo reforzo da atención primaria e da saúde mental como asuntos prioritarios
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a posta en marcha a finais do verán do centro de saúde de Conxo, completamente grazas a un investimento da Xunta 5,8 millóns de euros.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, supervisou as obras de reforma integral deste centro, que presta asistencia a máis de 5.000 persoas.
A actuación está cofinanciada con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.
Tal e como detallou o conselleiro, os traballos están moi avanzados e aproxímanse ao 70 % de execución. A previsión que manexa o departamento sanitario galego é rematar as obras no mes de xuño para, seguidamente, dar comezo á instalación de mobiliario e equipamento, no que a Xunta investiu 600.000 euros.
Os usuarios deste centro contarán cunhas instalacións máis amplas, máis modernas e máis accesibles, preparadas para prestar unha asistencia sanitaria da máxima calidade, dixo Gómez Caamaño.
Este investimento da Xunta permitirá, así mesmo, pasar dun espazo asistencial de 400 m2 a un de 1.000 m2, ademais de ganar tres consultas, unha de medicina familiar, unha de enfermería e outra de cirurxía menor.
O conselleiro referiu, así mesmo, que este centro de saúde alberga tamén unha área de saúde mental con dúas unidades, que están a ser completamente renovadas e modernizadas e, cando rematen as obras, contará con cinco consultas médicas, tres de psicoloxía, dúas de enfermería e unha sala de técnicas. Ademais, o Sergas creará unha nova unidade de psicoxeriatría dotada con catro consultas.
Dúas grandes prioridades
Na súa intervención no acto, o conselleiro incidiu en que, nas obras de renovación e ampliación do centro de saúde de Conxo, conflúen dúas das grandes prioridades do Goberno galego, o reforzo da atención primaria e a mellora da atención á saúde mental.
Ao respecto incidiu en que o seu departamento está a impulsar importantes medidas de reforma do primeiro nivel asistencial para mellorar as condicións de traballo e da atención á cidadanía. Así, nos últimos anos, a Xunta dedicou máis de 162 millóns de euros a construír ou reformar 138 centros de saúde.
Así mesmo, o conselleiro agradeceu a comprensión e a boa disposición dos profesionais e dos pacientes no proceso de traslado temporal da actividade asistencial, que facilitou a execución dunhas obras que practicamente supoñen a construción dun novo centro de saúde.