A directora xeral de Xuventude deu a benvida aos participantes dunha das iniciativas, celebrada na Cidade da Cultura, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago

A Xunta promove encontros profesionais entre mocidade e empresas para fomentar a inserción laboral na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Lara Meneses pon en valor estas xornadas para establecer contactos laborais e para mellorar as oportunidades de emprego da xente nova

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembra que estes encontros encádranse no programa de cooperación transfronteiriza ‘Desafío Jovens’,

O proxecto tamén leva a cabo accións de apoio e capacitación para mellorar as competencias dixitais, de innovación e de emprendemento

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

A director xeral de Xuventude, Lara Meneses, deulle hoxe a benvida ás persoas participantes dos encontros profesionais que a Xunta está a promover entre mocidade e empresas para fomentar a inserción laboral dentro da eurorrexión Galicia-Norte Portugal e que, durante esta xornada, se están a celebrar na Cidade da Cultura, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que estas xornadas forman parte do programa de cooperación transfronteiriza con Norte de Portugal Desafíos Jovens, que conta con máis de 1,3 millóns de euros para “favorecer e potenciar a inclusión da mocidade nos mercados de traballo de Galicia con esta rexión lusa”. Neste senso, salientou que este proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), se está a converter nun “piar fundamental para mellorar as oportunidades de emprego da xente nova, afianzar a poboación e rexuvenecer o tecido produtivo”.

A directora xeral de Xuventude explicou que o proxecto tamén ten como obxectivo favorecer e potenciar a inclusión de mozos e mozas a través de accións de apoio e capacitación, como a mellora das súas competencias dixitais, de innovación, de mobilidade e de emprendemento, tanto para a creación do seu propio posto de traballo como para a súa integración laboral en sectores con potencial.

En concreto, con estas xornadas de encontros preténdese conseguir novas oportunidades laborais mediante a realización de entrevistas con diferentes empresas que están a buscar talento mozo, poñendo o foco sobre todo en perfís profesionais que inclúen o marketing, administración, asistencia á dirección e atención ao público, transporte, reparto e loxística, titulacións deportivas, enxeñaría, arquitectura e deseño industrial, educación social e tempo libre, construción e electricidade, dereito, economía e finanzas, vendas, laboratorio e química, informática, mecánica e automoción e sector agrogandeiro.

Data de actualización: 26/03/2026