Medio Rural destaca que Galicia é referente na certificación forestal dentro de España

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal salientou, na asemblea de PEFC Galicia, que a nosa comunidade lidera o número de empresas certificadas con este selo e conta con máis do 80 % dos propietarios e xestores certificados no ámbito nacional

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

Galicia é a comunidade de referencia na certificación forestal dentro de España. Ocupa unha posición de liderado en canto ao número de empresas certificadas co selo PEFC, con preto de 480, o que supón algo máis do 25 % do total nacional.

Ademais, Galicia é o segundo territorio, só superado por Castela e León, no que atinxe á superficie total certificada con este indicativo. Así, con datos de finais de 2025, a nosa comunidade acumula máis de medio millón de hectáreas certificadas, dos 3 millóns de hectáreas do conxunto de España. Así mesmo, máis do 80 % dos propietarios e xestores forestais certificados no total do Estado son galegos.

Estes datos foron postos en valor esta mañá pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, quen asistiu á asemblea xeral da asociación galega promotora da certificación forestal PEFC. Piñeiro reiterou o compromiso da Xunta co sector forestal en xeral e co impulso á certificación neste eido, dentro dunha aposta pola sustentabilidade e a xestión responsable do seu monte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2026