O director xeral de Asistencia Sanitaria informou na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento galego da situación das urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela
O Sergas remarca que nos hospitais galegos “hai planificación, resposta e capacidade de adaptación” ante momentos de especial presión asistencial
Lembra que cando se producen momentos de maior demanda, o sistema responde con máis profesionais, máis camas, máis capacidade de drenaxe de pacientes e habilitación de espazos asistenciais
Sinala que no ano 2025 se atenderon no Hospital Clínico de Santiago 171.853 urxencias, cunha media diaria de 471 pacientes, na liña dos anos previos
No caso das urxencias ingresadas, tanto no pasado ano como no 2024, a cifra é de arredor de 23.100 pacientes e a presión de urxencias mantense estable, na contorna do 59 %, tamén en valores similares aos anos anteriores
Refire que o Sergas está a traballar en medidas estruturais para mellorar espazos, fluxos internos e a capacidade de resposta do hospital santiagués
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou hoxe, na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, que nos hospitais públicos galegos “hai planificación, resposta e capacidade de adaptación” ante momentos de especial presión asistencial.
En resposta a unha pregunta referida ás urxencias do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o director xeral de Asistencia Sanitaria dixo que, no ano 2025, se atenderon neste centro sanitario da capital de Galicia 171.853 urxencias, cunha media diaria de 471 pacientes, na liña dos anos previos.
No ano 2024, a media era de 466 e no 2023 de 458, o que, dixo o director xeral, reflicte un incremento moderado e progresivo da actividade.
No caso das urxencias ingresadas, tanto no pasado ano como no 2024, a cifra é de arredor de 23.100 pacientes e a presión de urxencias mantense estable, na contorna do 59 %, tamén en valores similares aos anos anteriores.
Outro dato relevante é que, no inicio deste ano, a frecuentación incluso foi inferior á do último trimestre do 2025, aínda que cun perfil de paciente máis complexo e de maior idade.
O director xeral explicou que non se trata só de cantos pacientes acoden a urxencias senón, tamén, do seu perfil clínico e da maior complexidade asistencial que presentan. Todos estes datos indican, tal e como subliñou, que non hai un problema estrutural, senón un incremento sostido da demanda que é común a todos os sistemas sanitarios, unha demanda ante a que a resposta do Sergas está protocolizada.
Alfredo Silva remarcou que o sistema sanitario público galego planifica e programa actuacións para dar resposta ás potenciais flutuacións na demanda asistencial, e faino por medio dun sistema de clasificación (triaxe) que garante a asistencia urxente en todo momento.
Reforzo de persoal e outras actuacións realizadas
Respecto das medidas de reforzo do persoal, Alfredo Silva explicou que o plan de continxencia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza contempla distintos reforzos de persoal segundo os indicadores establecidos no mesmo. Así, neste ano, reforzáronse as presenzas por quenda do persoal facultativo no servizo de urxencias e reforzouse cunha liña máis con carácter de localización, para activala de ser necesario. Tamén se reforzaron as presenzas de enfermería e de auxiliares, así como o persoal non sanitario.
Para mellorar a drenaxe de pacientes pendentes de ingreso, habilitáronse 38 camas adicionais e reprogramouse a actividade cirúrxica para dar resposta ao incremento da demanda, priorizando a cirurxía maior ambulatoria.
Para mellorar a espera, habilitáronse espazos asistenciais con dotación de persoal sanitario e non sanitario co obxectivo de dar resposta ao aumento de pacientes pendentes de ingreso.
Nos momentos con máis pacientes en espera, utilizáronse espazos ambulatorios, como hospitais de día, para mellorar as condicións de agarda. Así mesmo, reforzouse o servizo de transporte sanitario para facilitar a drenaxe dos pacientes a ingresar e axilizar as altas a domicilio.
Por tanto, reiterou o director xeral, cando se producen momentos de especial presión asistencial, “a resposta existe e está prevista”.
Tamén referiu que o Sergas está a traballar en medidas estruturais para mellorar espazos, fluxos internos e capacidade de resposta do hospital santiagués.
Alfredo Silva quixo facer un recoñecemento especial e agradecemento ao traballo dos profesionais das urxencias do Hospital Clínico.
Así mesmo, subliñou que na Mesa Sectorial de Sanidade se abordou de forma específica a situación dos servizos de urxencias, trasladando o Servizo Galego de Saúde distintas propostas de mellora das condicións laborais e retributivas.
Para rematar a súa intervención dixo que o Sergas seguirá a mellorar a capacidade de resposta das urxencias, coidando aos profesionais e adaptando os recursos ás necesidades da cidadanía.