A Xunta destaca o papel dos concellos na promoción do deporte

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou na décima edición da ‘Xornada de xestión deportiva para pequenos e medianos concellos’, onde salientou o programa ‘Adestra a túa saúde’ como aposta de fomento da actividade física no eido local

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, participou hoxe na apertura da décima edición da Xornada de xestión deportiva para pequenos e medianos concellos, onde salientou a relevancia das administracións locais na promoción do deporte entre a cidadanía. Así, referiuse á importancia de que o eido local, a través dos concellos, das asociacións veciñais e das entidades deportivas, se implique no fomento da actividade física en beneficio da saúde e da integración social.

Nesta liña, Roberto García destacou o programa Adestra a túa saúde, impulsado polas consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Sanidade no marco da aposta polo fomento da práctica da actividade física e deportiva como ferramentas de saúde e benestar ao longo de toda a vida. Segundo sinalou, o programa, activado o pasado ano e que conta con máis de 20 concellos adheridos, fundaméntase na prescrición de exercicio por parte do persoal sanitario dos centros de saúde. Pola súa banda, un promotor de exercicio encárgase de seguir e avaliar a execución da actividade cos recursos dispoñibles no correspondente municipio. 

O secretario xeral para o Deporte apuntou que a iniciativa, inicialmente creada para persoas de 60 anos ou máis, ten a previsión de ir incorporando máis grupos de idade. “Trátase dun programa deseñado para responder as necesidades, precisamente, dos pequenos e medianos municipios, para que sirvan como eixe de unión da promoción da saúde a través da actividade física”, engadiu.

Por este motivo, a medida integrouse na rede coordinada de promotores da actividade física nas zonas rurais (Pafer) impulsada polo Consello Superior de Deportes no marco dos fondos MRR, o que permitirá crear unha rede dixital e facilitarlles aos concellos tanto a xestión de recursos como o deseño de programas básicos de promoción da actividade física e para a mellora de espazos deportivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026