Belén do Campo supervisa os traballos previos á demolición do viaducto do CHUAC, actuación clave para avanzar nos novos accesos ao hospital

A delegada da Xunta informou que durante os tres días do corte poderase empregar o acceso ao hospital desde a AC-10 cara a avenida da Lamadosa que está reservado exclusivamente a ambulancias 

A representante do Goberno autonómico trasladou as desculpas polas molestias que vai a ocasionar esta actuación e puxo en valor a importancia desta obra, que permitirá dotar ao hospital duns accesos acordes ás necesidades do novo CHUAC, que duplicará a súa capacidade asistencial para seguir sendo o buque insignia da sanidade galega

A Coruña, 27 de marzo de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo xerente da Área Sanitaria da Coruña Cee, Luis Verde, visitou hoxe dous dos puntos estratéxicos nos que se desenvolven os traballos previos á demolición do viaduto do CHUAC, cuxo inicio está previsto para a madrugada do luns 30 de marzo. A delegada da Xunta informou que durante os tres días do corte poderase empregar o acceso ao hospital desde a AC-10 cara a avenida da Lamadosa que está reservado exclusivamente a ambulancias.

Durante a visita, a delegada estivo acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e aproveitou para agradecer o esforzo de todo o equipo da Consellería de Vivenda e Infraestruturas, así como da dirección territorial e da xefatura de servizo da AXI da Coruña, polo intenso traballo de coordinación desenvolvido nos últimos meses. Ademais, agradeceu a todas as partes implicadas o traballo levado a cabo ao longo de estes últimos meses, concretamente, a todos os organismos  dependentes directamente da Xunta, así como o Concello, a DGT, Demarcación de Estradas do Estado, ADIF, a Autoridade Portuaria, e Audasa.

Belén do Campo explicou que nos últimos días se intensificaron as tarefas xa que se están a levar a  cabo diversas actuacións preparatorias, entre as que destacou a eliminación das medianas na avenida da Pasaxe, á altura de Servisa e Burger King, co obxectivo de habilitar cambios de sentido. Tamén se realizaron traballos de tala e poda de arborado na estrada das Xubias para os traballos de demolición.

Ademais, a representante do Goberno autonómico puxo en valor outra das actuacións clave que se manterá unha vez rematados os cortes totais: a nova glorieta de acceso á AC-10 en avenida de Lamadosa, que se complementa coa habilitación dun dobre sentido na rúa Lugar Curramontes e outros cambios en vías adxacentes debidamente sinalizadas. Esta solución permitirá facilitar a saída dos vehículos en dirección ao centro da cidade ou cara á glorieta de Matogrande a través da glorieta de Casablanca, converténdose nun dos puntos estratéxicos de saída do hospital tras o derrubo do viaduto.

Así mesmo, os traballos tamén se centraron na colocación da sinalización precisa, con máis de 40 sinais,  para as novas regulacións de tráfico establecidas durante os tres días de corte total. Está previsto que antes da media noite do domingo se proceda ao destape da sinalización vertical e se inicien os desvíos nas zonas da Casa do Mar, Os Castros, a AC-10 e a avenida da Pasaxe.

Belén do Campo destacou tamén que estas obras obrigan a cortar a estrada das Xubias no entorno do Pazo de Guyatt polo que o acceso ao núcleo das Xubias debe realizarse polo Hospital Materno Infantil. O ser esta estrada de sentido único obriga á regulación da circulación de forma alternativa, polo que xa se instalaron semáforos nos puntos necesarios. O peche terá unha duración aproximada dun mes, tempo necesario para a demolición da parte do viaduto situada no entorno do Pazo de Guyatt. Posteriormente, as afeccións serán puntuais mentres se constrúe o novo viaduto. Neste sentido, subliñou que a Xunta informou previamente deste corte á asociación veciñal, co obxectivo de minimizar as molestias e dar a coñecer as alternativas dispoñibles.

A delegada da Xunta aproveitou para trasladar tamén unha mensaxe á cidadanía pedindo desculpas polas molestias que ocasionará esta actuación, tanto durante os tres días de corte total como nos meses posteriores, nos que haberá afeccións puntuais.

A delegada destacou a importancia desta obra, que permitirá dotar ao hospital duns accesos acordes ás necesidades do novo CHUAC, que duplicará a súa capacidade asistencial para seguir sendo o buque insignia da sanidade galega, cun investimento que superará os 500 millóns de euros. Así mesmo, puxo en valor o interese xeral desta actuación para as máis de 500.000 persoas que dependen directamente deste centro hospitalario de referencia, xa que suporá un salto cualitativo e cuantitativo na atención sanitaria nos vindeiros anos.

Finalmente, Belén do Campo informou da campaña de comunicación xa en marcha para manter informada á cidadanía de todos os pasos que se están a dar. Esta campaña inclúe anuncios en prensa escrita e dixital sobre os cortes de tráfico previstos os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, así como unha campaña radiofónica antes, durante e despois dos cortes, explicando as mellores alternativas de circulación. Ademais, hoxe mesmo comezouse o reparto de 4.000 folletos entre o persoal do hospital,  usuarios e visitantes e centros de saúde da área de influencia, tamén estarán dispoñibles nos controis de enfermería dos servizos dos hospitais. Dende a Xerencia da área sanitaria está previsto enviar a información aos traballadores a través do correo electrónico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026