A Xunta impulsa en Chantada unha formación integral pioneira centrada no traballo artesanal con fibras vexetais e na cestería contemporánea
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ao inicio do curso de perfeccionamento ‘Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais’, que se desenvolverá en San Cristovo de Mouricios ata marzo de 2027
Esta formación, enmarcada na iniciativa autonómica ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’, enfócase na transmisión de coñecementos dos diferentes oficios vinculados á cestería para profesionalizar o sector e garantir a remuda xeracional
Contará con recoñecidos artesáns especialistas en cestería como Álvaro M. Leiro, Enrique Táboas, Idoia Cuesta, Tomeu Perelló ou Joan Farré, así coma o deseñador Andreu Carulla e os cesteiros franceses Corentin Laval e Karen Gossart
Chantada (Lugo), 27 de marzo de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ao inicio do curso de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais, que se desenvolverá en San Cristovo de Mouricios (Chantada) ata marzo de 2027. Esta formación dá continuidade ao curso realizado entre febreiro e novembro de 2025 e consta de cinco módulos e 216 horas, centradas no afondamento das técnicas da cestería e nas súas posibilidades na artesanía contemporánea.
A iniciativa enmárcase no programa formativo da Xunta Aprender da Tradición. Oficios e Técnicas e reflicte a súa aposta pola posta en valor, recuperación, transmisión e reactivación da cestería, un dos oficios máis tradicionais de Galicia. Nesta edición cóntase de novo coa colaboración do Espacio Vilaseco e Os Casares, e coa coordinación da cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014.
Fibranzas é un programa integral que aborda todo o proceso da cestería, dende a produción das fibras ata o deseño do produto final, combinando técnicas tradicionais e arte contemporánea. O alumnado está composto por artesáns inscritos en Artesanía de Galicia dos ámbitos da cestería e do coiro, así como por profesionais da arquitectura e da arte, en gran parte participantes na edición de 2025.
Programa formativo
O profesorado está formado por cesteiros de recoñecido prestixio. O primeiro módulo, que comeza hoxe, céntrase na obtención de fibras vexetais cesteables —castiñeiro e vimbio— e será impartido por Enrique Táboas (Mondariz) e Pau Trepat.
O segundo módulo, dedicado ás técnicas complementarias e estruturas, dividirase en dúas partes: en abril, Pau Trepat e Idoia Cuesta impartirán un curso de tecido de varas de vimbio aplicado ao interiorismo; e en xuño, Tomeu Perelló (Mallorca) ofrecerá formación en encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais.
O terceiro módulo, centrado no deseño e produción de obxectos, desenvolverase ao longo do resto de 2026. Entre finais de agosto e comezos de setembro, Andreu Carulla abordará o deseño de produto a partir das técnicas aprendidas. En outubro, os cesteiros franceses Corentin Laval e Karen Gossart, do proxecto L’Oseraie d’Ile, amosarán técnicas tradicionais do Périgord para elaborar as cestas Bouyricou e Panier Galicien; neste curso admitiranse catro participantes máis. O módulo completarase en novembro cun curso sobre técnica hexagonal e deseño creativo con láminas de castiñeiro impartido por Idoia Cuesta, coa colaboración de Enrique Táboas.
Os dous últimos módulos terán lugar en 2027. En xaneiro, Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía 2023, impartirá formación en técnicas tradicionais avanzadas centrada no tecido das corozas galegas. Finalmente, en marzo, Joan Farré, fundador de Pont de Queirós, desenvolverá un módulo dedicado a proxectos e técnicas inspiradoras, centrado no proxecto paisaxístico con fibras vexetais e aberto a novos participantes.
Aprender da tradición
Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España, unha estratexia pioneira orientada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, clave para o territorio e especialmente para o rural. O programa busca capacitar os artesáns para transmitir os seus coñecementos e facilitar a incorporación de novas xeracións, ao tempo que promove a comercialización dos produtos locais, a conservación dos oficios tradicionais e a revalorización dos procesos artesanais. Todo isto co obxectivo de consolidar un sector competitivo e con futuro.
Está dirixido tanto a profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia como á captación de novos perfís. A través da formación, impúlsase unha nova xeración de artesáns cunha base práctica sólida, recuperando o modelo de aprendizaxe nos obradoiros e complementándoo coa formación teórica. Deste xeito, contribúese a asegurar a continuidade dos oficios tradicionais e a dinamización cultural, turística e económica de Galicia.