A Mesa Sectorial de Sanidade aproba o procedemento de voluntariedade incentivada para as gardas nos puntos de atención continuada

O obxectivo é garantir a cobertura da atención continuada, de forma compatible cos acordos para a redución da xornada ordinaria a 35 horas semanais e o actual contexto de sobrecarga estrutural e de déficit de profesionais de atención primaria

Este programa leva aparellado importantes melloras retributivas na xornada complementaria para os profesionais: do 15,36 % para o persoal médico e do 22,62 % para a enfermería, que percibirán desde a primeira hora complementaria

Na reunión de hoxe tamén se abordou o proxecto de decreto polo que se estende o horario de apertura dos puntos de atención continuada á mañá dos sábados para reforzar a continuidade asistencial na atención primaria

O obxectivo da medida é dotar de seguridade xurídica a atención sanitaria prestada os sábados pola mañá e ordenar a prestación como a xornada de atención continuada, que xa era de facto

Irá acompañada dun incremento de 211 prazas entre 2026-2028, das que 100 serán de médicos e 80 de persoal de enfermería, para o que se prevé investir 10,3 M€

As organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial terán de prazo ata o vindeiro 7 de abril para formular achegas

Na reunión de hoxe tamén se aprobaron as melloras retributivas para o persoal médico de urxencias hospitalarias, que suporán un incremento medio de 3.560 euros ao ano por profesional

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

A Mesa Sectorial de Sanidade aprobou na súa reunión de hoxe o procedemento de voluntariedade incentivada para a realización das gardas nos puntos de atención continuada (PAC).

Esta medida ten por obxectivo garantir a cobertura da atención continuada, de forma compatible cos acordos para a redución da xornada ordinaria a 35 horas semanais e o actual contexto de sobrecarga estrutural e déficit de profesionais de atención primaria.

O procedemento de voluntariedade incentivada baséase na adhesión voluntaria, o seu funcionamento será obxecto de seguimento e avaliación anual e poderá ser revisado ou adaptado na Mesa Sectorial.

Este programa para incentivar que exista voluntariedade para a cobertura da asistencia nos PAC leva aparellado importantes melloras retributivas para os profesionais. En concreto, para o persoal facultativo, suporá un aumento progresivo, en dous anos, do 15,36 % nas retribucións por xornada complementaria e para o persoal de enfermería estase a aplicar xa desde comezos de ano un aumento do 22,62 %. O obxectivo para ambos os colectivos é unha redución progresiva de tramos ata que poidan percibir o importe incentivado desde a primeira hora de xornada complementaria.

Para o caso do persoal de xestión e servizos aplicarase o réxime previsto no acordo de concertación social e as retribucións mediante o concepto de quenda rotatoria complexa.

Con estas medidas o Servizo Galego de Saúde pretende recoñecer a penosidade das gardas, mellorar progresivamente as condicións económicas nas que se prestan e favorecer a participación voluntaria.

Ademais, para controlar o impacto deste procedemento na carga laboral dos profesionais, establécense criterios de distribución equilibrada para que non se dean sobrecargas individuais.

Este procedemento de voluntariedade aplicarase xa no vindeiro mes de abril, de xeito paralelo á tramitación do proxecto de decreto polo que se estende o horario de apertura e funcionamento dos puntos de atención continuada á mañá dos sábados para reforzar a continuidade asistencial na atención primaria.

Este documento foi presentado hoxe ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial, establecendo de prazo ata o vindeiro 7 de abril para que poidan trasladar as súas achegas.

O obxectivo desta medida é dotar de seguridade xurídica a atención sanitaria prestada os sábados pola mañá e ordenar a prestación como a xornada de atención continuada, que xa era de facto.

Deste xeito, tal e como recolle o proxecto de decreto, o horario de apertura e funcionamento dos PAC abarcará desde as 15,00 horas ata as 8,00 horas do día seguinte, de luns a venres, e as 24 horas do día, os sábados, domingos e festivos.

Considerar a atención dos sábados pola mañá como actividade de atención continuada é coherente coa súa natureza real e co marco normativo vixente.

A apertura dos PAC os sábados pola mañá irá acompañado dun incremento de 211 prazas no período 2026-2028, das que 100 serán de médicos e 80 de persoal de enfermería. O procedemento de voluntariedade aprobado hoxe na Mesa Sectorial de Sanidade vai encamiñado a garantir a asistencia no caso de que non exista o persoal necesario para dar cobertura a todas as prazas necesarias.

O investimento previsto pola Xunta no período 2026-2028 para a ampliación das prazas de PAC é de 10,3 millóns de euros.

Aprobación de melloras retributivas para as urxencias hospitalarias

A Mesa Sectorial de hoxe aprobou, ademais, as melloras retributivas para os médicos de urxencias hospitalarias que xa foran abordadas na Mesa Sectorial do pasado 6 de marzo e que supoñen unha media de 3.560 euros máis ao ano para cada profesional.

Máis en detalle, eses incrementos retributivos consisten nunha suba progresiva do importe da hora de atención complementaria e o abono como xornada prefestiva a noite dos venres.

Outro dos asuntos abordados na reunión deste venres foi a próxima convocatoria para a provisión de máis de 100 prazas de difícil cobertura, polo sistema de selección de concurso de méritos.

Data de actualización: 27/03/2026