Medio rural afonda na prevención de incendios forestais a través do proxecto europeo USE4FOREST
Este programa está enmarcado na iniciativa comunitaria Interreg Sudoe, que procura apoiar o desenvolvemento rexional e a cohesión nas rexións do sureste de Europa
Persoal vinculado á Dirección Xeral de Defensa do Monte participou esta semana nas reunións do comité de seguimento deste proxecto, celebradas en Portugal
Galicia é a principal beneficiaria do programa, que conta cun orzamento de tres millóns de euros, a través do cal se están a impulsar solucións innovadoras para a prevención en España, Francia e Portugal
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2026
A Consellería do Medio Rural está afondar na aposta pola prevención de incendios forestais a través da súa participación no proxecto europeo USE4FOREST, enmarcado na iniciativa comunitaria Interreg Sudoe, que procura apoiar o desenvolvemento rexional e a cohesión nas rexións do sureste de Europa.
Así, persoal vinculado á Dirección Xeral de Defensa do Monte participou esta semana nas reunións do comité de seguimento deste programa, celebradas en Miranda do Douro, en Portugal. Galicia é a principal beneficiaria de dito proxecto, que conta cun orzamento de tres millóns de euros, a través do cal se están a impulsar solucións innovadoras para a prevención de incendios forestais en España, Francia e Portugal.
Proximamente, os socios internacionais de USE4FOREST participarán tamén nun simulacro organizado pola Autoridade Nacioanl de Proteçao Civil e Emergencias (Anepc) de Portugal, denominado Aldeia segura pessoas seguras, orientada a protexer ás persoas que viven na interface urbano-forestal, co fin de formalas para saber como actuar ante un lume.
Estratexia baseada na mellora das áreas forestais
Esta iniciativa europea está estruturada en tres fases claves, que inciden na comprensión integral dos factores que inflúen no comportamento dos incendios neste tipo de rexións; o desenvolvemento, proba e demostración de ferramentas innovadoras para a prevención, xestión e anticipación e; por último, na transferencia e capitalización dos resultados obtidos a escala do sudoe, facilitando a súa adopción por outras zonas afectadas. En definitiva, todas estas accións procuran mellorar a resiliencia das contornas forestais ante os incendios, considerando variables como a vexetación, o clima e os factores socieconómicos.
USE4FOREST pon o foco tamén na educación, sensibilización e comprensión pública, ao recoñecer a participación activa do público como un elemento fundamental para a prevención. Ademais, procura integrar solucións innovadoras que teñan en conta as características específicas de cada territorio, promovendo unha xestión forestal sostible que se adapte ao cambio climático.
Cabe sinalar que este proxecto está aliñado coas estratexias postas en marcha pola Xunta de Galicia, como son o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), que tamén prioriza a planificación e a revitalización produtiva do territorio como ferramenta clave na loita contra os incendios.