Belén do Campo destaca o valor cultural e social da Semana Santa coruñesa na procesión do Amor, o Perdón e a Misericordia

A procesión tivo como protagonista ao Cristo dos Corenta Credos, unha talla do século XVII obra de Antón Ferreiro, á que a tradición vincula co emperador Carlos I

A Coruña, 30 de marzo de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu á Procesión do Amor, o Perdón e a Misericordia un dos actos da Semana Santa na Coruña, poñendo en valor unha celebración que, ano tras ano, reforza o seu papel como referente cultural, relixioso e social da cidade. Con saída ás 21:00 horas, desde o templo da Venerable Orde Terceira, na praza de Carlos I. “Trátase dun dos actos máis emblemáticos desta Semana Santa, que combina tradición, patrimonio e unha fonda carga simbólica para a cidadanía”, sinalou.

A procesión  tivo como protagonista ao Cristo dos Corenta Credos, unha talla do século XVII obra de Antón Ferreiro, á que a tradición vincula co emperador Carlos I. Durante o seu percorrido polas rúas Santo Domingo, Santa María, Damas, Azcárraga e Constitución, ata regresar por San Francisco, créase unha atmosfera singular marcada polo son dunha campá e do oboe, elementos que contribúen a realzar a solemnidade do acto.

A delegada quixo tamén recoñecer o traballo da Xunta de Confrarías de Semana Santa, pola organización dun programa que combina respecto pola tradición e apertura á participación cidadá. Ademais, destacou a capacidade de adaptación da organización, que garante a celebración dos actos mesmo en caso de condicións meteorolóxicas adversas, trasladando as cerimonias ao interior dos templos.

“A Semana Santa da Coruña é unha mostra viva do noso patrimonio inmaterial e unha oportunidade para compartir tradicións entre xeracións”, concluíu a delegada, animando á cidadanía e ás persoas visitantes a participar e gozar dunha programación aberta e accesible que enche de vida as rúas da cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/03/2026