Gómez Caamaño pon en valor o traballo das entidades que asisten desinteresadamente a persoas con adiccións en Galicia, cun apoio da Xunta que supera os 8 M€ este ano

A Xunta incrementa nun 2 % o importe dos convenios asinados con 9 organizacións sociais

Achéganse 7,1 M€ á atención das drogodependencias e 900.000 € a outras adiccións, fundamentalmente ao alcohol

Galicia é pioneira en España ao poñer coto a novas condutas de risco en menores como as bebidas enerxéticas e os cigarros electrónicos

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o labor das entidades sen ánimo de lucro que asisten a persoas con adiccións en Galicia, cun apoio da Xunta que supera este ano os 8 millóns de euros.

O conselleiro, acompañado da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coas nove entidades coas que o Goberno galego vén de asinar os convenios correspondentes ao ano 2026, que incrementan o seu importe nun 2 %.

Gómez Caamaño salientou a coordinación entre a Xunta e as entidades para poñer o foco no reforzo da prevención, na atención os pacientes e na súa reinserción social. Neste sentido, remarcou que loitar contra as adicións non é só unha prioridade sanitaria senón tamén un compromiso social coas persoas e co seu futuro.

O conselleiro de Sanidade citou a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas como exemplo de reforzo da prevención. A norma sitúa Galicia á vangarda de Europa e na primeira comunidade de España en prohibir o consumo en menores de novas condutas de risco como son as bebidas enerxéticas e os vapeadores.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde culminou este ano a integración na sanidade pública das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia, co que se pretende mellorar a atención ás persoas con adiccións.

A reunión de traballo da Consellería de Sanidade desenvolveuse con asociacións de atención á drogodependencia: Fundación Monte do Gozo Proxecto Home; Asociación Cidadá de Loita contra a Droga da Coruña (Aclad); Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro); Cruz Vermella Lugo; e a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Alborada) de Vigo. A estas cinco entidades destínanse máis de 7,1 millóns de euros.

Ademais, no encontro tamén participaron as asociacións de atención a outras adiccións, fundamente ao alcohol: Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal); Asociación As Burgas; Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra; e Asociación Unidade de tratamento do alcoholismo e condutas adictivas (Utaca). A estas catro entidades achéganse preto de 900.000 euros.

Xunto ao aumento económico, a achega da Xunta inclúe este ano como novidade a posibilidade de que as asociacións soliciten anticipos ata o 70 % do importe dos convenios. Isto, tal e como destacou Gómez Caamaño, cumpre cunha demanda das propias entidades e permite dotalas de maior liquidez desde o inicio do ano para facilitar o seu traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2026