Belén do Campo destaca o investimento de máis de 70.000€ realizado na mellora do equipamento da piscina municipal de Outes co apoio da Xunta

A delegada do Goberno autonómico subliñou que a administración autonómica aportou o 90% do financiamento total para renovar e modernizar diferentes elementos do complexo deportivo

Outes (A Coruña), 31 de marzo de 2026

A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, supervisou, xunto ao alcalde de Outes, Francisco Calo, as instalacións da piscina municipal para comprobar o resultado das actuacións financiadas coa colaboración da Xunta.

Durante a visita, a representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención contou cun investimento de máis de 70.000 euros, dos cales máis de 63.000 euros foron achegados pola Xunta de Galicia, o que supón arredor do 90 % do custo total, subliñando que “este tipo de actuacións demostran o compromiso do Goberno galego co deporte, a saúde e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Outes”.

Esta actuación foi posible grazas a un convenio que tivo por obxecto fixar as liñas de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello de Outes permitindo renovar e modernizar diferentes elementos do complexo deportivo.

Neste sentido, a delegada comprobou que as melloras executadas incluiron un novo equipamento para o ximnasio municipal, coa incorporación de máquinas de cardio e musculación que substitúen ás existentes, xa deterioradas polo paso do tempo, así como a instalación dun autómata para a xestión da maquinaria da piscina, que permitirá un control máis eficiente de parámetros como a temperatura da auga e do aire ou o funcionamento das válvulas e sistemas auxiliares, mellorando o rendemento enerxético e o mantemento das instalacións. Ademais, incorporouse unha cadeira elevadora no vaso da piscina, unha actuación fundamental para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e facilitar o uso por parte de colectivos como os usuarios do Centro de Día de Outes.

O ximnasio municipal de Outes, aberto desde maio de 2007, presta servizo de luns a sábado durante todo o ano, agás o mes de agosto destinado ao seu mantemento, e forma parte dun complexo deportivo que integra distintas salas de actividades, zona de mantemento, espazo de ximnasio e a propia piscina, rexistrando unha media diaria de arredor de 300 usuarios.

Así mesmo, estas instalacións son empregadas por centros educativos como o C.E.I.P. e o I.E.S. Francisco Añón de Outes, ademais de contar con convenios con diversas entidades deportivas e sociais, entre elas un equipo de tríatlon e o centro de día, o que pon de manifesto o seu papel como espazo de referencia para a práctica deportiva, a educación e a inclusión social no municipio.

A delegada territorial puxo en valor que a colaboración da Xunta neste investimento responde ao compromiso co fomento do deporte e da saúde como eixos fundamentais de actuación, destacando tamén a adhesión do Concello de Outes ao programa “Adestra a túa Saúde”, unha iniciativa destinada a mellorar o benestar dos maiores, promovendo a actividade físcia axustada a cada persoa e facilitando o seu seguimento por médicos e especialistas, o que sitúa a este Concello como un referente na promoción de hábitos saudables para todas as idades contribuíndo ao benestar da poboación, incluso reducindo a necesidade de tratamentos médicos grazas á prevención e ao coidado físico

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/03/2026